Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 12 de maio de 2010

O galego en castelán

É o último invento da Xunta. Falar en galego en castelán. Debe ser iso, supoño, pois doutro xeito non o entendemos.
É outra consecuencia da política implícita no decreto, do radicalismo zunante, do odio ao galego. A Xunta anúnciase en castelán por primeira vez na súa historia. Normalización, u-la? A palabra desapareceu do proxecto do decreto chamado de plurilingüismo, e agora o galego desaparece de facto dos espazos públicos.
Deben pensar na Xunta que é moi boa forma de promocionar o galego, excluílo do plan de servizos de administración alectrónica. Claro, o galego non debe servir para as novas tecnoloxías, por iso o excluímos agora da publicidade da Xunta nese ámbito. A idea é a mesma que a de impoñer as clases de matemáticas, tecnoloxía, e física en castelán. Estas materias son as que normalmente se relacionas coas tecnoloxías informáticas, co mundo da modernidade e do futuro. O galego está ben para as tradicións, para o pasado, para deixalo no pasado. Non é así?
Así o contan na Nosa Terra:
"Ahora Galicia conecta contigo". Ese podería pasar á historia como o primeiro lema promovido pola Xunta en castelán. É o escollido para a campaña de publicidade da Administración electrónica, en concreto a factura e a licitación electrónica, que se pode tramitar en xunta.es.
"Sin papeles. Sin desplazamientos" é o outro eslogan dunha ampla campaña de comunicación en valados e outros medios menos dunha semana antes do Día das Letras. 
Até agora, a Xunta usara sempre o galego como vehículo da súa publicidade institucional cando os destinatarios eran galegos e incluso optou por palabras galegas en campañas de difusión internacional, caso do Xacobeo (en troques do español Jacobeo) ou o xa mítico Galicia Calidade, que recibira varios premios.
A publicidade en castelán forma parte do programa de goberno de Alberte Núñez Feixóo e seguramente seguirá facéndose en vindeiras campañas.
O galego perde un dos poucos espazos que dominaba en exclusiva. Arestora, só se usa galego integramente nos medios de comunicación públicos, agás nos espazos publicitarios da TVG. Na Radio Galega conseguírase a emisión publicitaria cento por cento en galego. Algunhas fontes aseguran que se a Xunta emite en castelán, as empresas privadas rapidamente tomarán exemplo para desistir na normalización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario