Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 3 de marzo de 2011

Gal(L)ega 100%

por Xabier López López, no dixital da Nosa Terra:


Dada a velocidade coa que se moven os esperpentos e  outros seres máis ou menos vivos, poida que a información que me dispoño a brindar chegue a este espazo unha miga tarde. Porén, non me resisto a transcribir en primicia unha conversa que seguramente vai axudar a resolver definitivamente o afamado expediente “Leite galega”, ese controvertido asunto que ocupou un tempo a atención de todos aqueles que aínda conservamos, pese a todo, certa capacidade de abraio (por non falar da estúpida manía de concordar os xéneros gramaticais). Mais non perdamos máis tempo do necesario e pasemos a reconstruír os feitos. Vexamos... Unha empresa de publicidade de sete estralos coa que adoita traballar a Xunta de Galicia. Unha encarga. Unha proveitosa sesión de brainstorming cos máis acreditados e efectivos creativos. Unha idea. O teléfono da consellería (competente en razón da materia) a saltar de extensión en extensión ata parar no auricular axeitado.
–O que oe, señor conselleiro. Unha idea excelente, señor conselleiro. Nada de lendas dobres, señor conselleiro, nin traducións, nin outros gastos innecesarios de espazo e tinta.
–E iso?
–O nunca visto, señor conselleiro. O slogan ideal para unha campaña publicitaria: cun só deseño, señor conselleiro, logramos cubrir todo o nosotarget. Dous coellos dunha caxatada, señor conselleiro!
–Explíqueme iso.
–Pois ben doado, señor conselleiro. Resulta que se un le tal que así, vai e pon “Galega”; pero se o consumidor acerta a ver no chorro branco que vén de arriba outro “ele”...
–Gallega!
–Equilicuá.
–Brillante.
–E logo non? A mandar, señor conselleiro.
(Tradución ao galego do autor)

Ningún comentario:

Publicar un comentario