Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 5 de xaneiro de 2012

Anxo Lorenzo versus Anxo Lorenzo

Non se me ocurre mellor despedida da Secretaría Xeral de Política Lingüística a Anxo Lorenzo que este artigo escrito por Anxo Lorenzo n´A Nosa Terra, o 10/05/2008. O título orixinal do artigo: Política lingüística e 'consenso' en Galicia?
Estase a difundir a idea de que o modelo lingüístico de coexistencia entre galego e castelán está sendo substituído por un de imposición do galego, sendo o goberno da Xunta de Galicia o responsable dese cambio. A realidade parece apuntar noutras direccións: por unha banda, é o Partido Popular quen está a separarse do vieiro lingüístico consensuado nos anos 80 por motivos de estratexia partidaria (desgastar o goberno); e, por outra, o PP está en desacordo co contido da política lingüística actual, diferente da que eles implementaron. O primeiro aspecto –o PP afástase do “pacto lingüístico”– supón unha novidade política que cumprirá analizar con certo vagar nestes meses en que remata a actual lexislatura; o segundo aspecto –o PP está en desacordo coa política lingüística do goberno actual da Xunta de Galicia– é absolutamente coherente desde a lóxica política.
O que podemos denominar como “pacto”, “consenso” ou “acordo” lingüístico confórmase mediante os contidos lingüísticos do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 e da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Cales son, ao noso entender, as características principais dese “pacto lingüístico”? En primeiro lugar, a cooficialidade –en Galicia, galego e castelán teñen plena igualdade xurídica–; en segundo lugar, a declaración do galego como lingua propia; en terceiro lugar, derivado do aspecto anterior, a decisión de pór en marcha un proceso institucional e social de “normalización” da lingua galega, por se atopar esta en situación de desigualdade respecto do castelán; e, en cuarto lugar, o respecto polo principio de individualidade: que cadaquén utilice a lingua da súa preferencia nas comunicacións non institucionalizadas.
Amparados nese “pacto lingüístico”, os diferentes gobernos do Partido Popular aplicaron unha política lingüística de baixa densidade e intensidade. Os seus sinais de identidade en materia lingüística foron os de lexislar pouco, non desenvolver a planificación lingüística e non se preocuparen excesivamente porque se cumprisen as poucas normas lingüísticas (ou con repercusións lingüísticas) que eles mesmos aprobaban. Foi, en definitiva, unha política lingüística inhibidora e de profundidade escasa na promoción da lingua galega. A coartada ideolóxica para non facer máis chegoulles aos gobernos populares da man do bilingüismo harmónico (BH), construto ideolóxico de feble baseamento epistemolóxico que foi deseñado ad hoc para xustificar aquela política lingüística rácana. Agora ben, o BH é un construto partidista promovido exclusivamente polos gobernos fraguistas, sen que en ningún caso formase parte do “consenso lingüístico” inicial.
O cambio de gobernoCo cambio de goberno, unha coalición PSdG-BNG non pode desenvolver a mesma política lingüística có PP. Abonda con ler os programas electorais das últimas eleccións autonómicas para comprobalo. Agora ben, cambiar os vimbios, o rumbo e mesmo o ritmo desa acción lingüística gobernamental non significa que se estea a alterar o “consenso lingüístico”: o que este goberno pretende é, seguindo no mesmo modelo, afondar en certas estratexias planificadoras que lle dean ao galego un maior folgo social e institucional. E unha boa proba disto é o novo decreto de ensino aprobado o ano pasado.
O novo decreto persegue o mesmo obxectivo có anterior: que todo o alumnado aprenda por igual galego e castelán. A principal novidade é a estratexia para acadar ese obxectivo: aumenta a porcentaxe de materias que, como mínimo, se deben impartir en galego. Significa isto un cambio no modelo de ensino bilingüe instaurado en Galicia desde 1983? Por suposto que non: nin hai modificación do obxectivo lingüístico final (competencia nas dúas linguas oficiais), nin se está implantando a inmersión lingüística, nin se obriga a ninguén a usar unha lingua ou outra.
En cambio, son outros os que si queren unha mudanza no modelo lingüístico educativo, pedindo a segregación do alumnado en función das preferencias lingüísticas familiares. E isto, que altera o “pacto lingüístico”, tamén o reclama agora o PP: despois de máis de vinte anos valorando os beneficios do bilingüismo educativo, de termos estudantes que coñezan as dúas linguas oficiais por igual, esta forza política opta agora por apoiar un cambio de rumbo cara á separación das linguas na educación. Quen se aparta nesta cuestión do “consenso lingüístico”?
Argumentar que o presidente da Xunta de Galicia está a modificar o “modelo lingüístico” de Galicia é unha falacia. Quen se está afastando dese consenso é o Partido Popular, na procura dun rédito político a curto prazo, descolocado polo seu papel de oposición despois de tantos anos de goberno. Ademais, o que o PP non acepta é que haxa outras formas de facer política lingüística, diferentes das súas, máis centradas na promoción e na revitalización da lingua galega, sen imposicións nin obrigacións, pero con firmeza nas estratexias de acción positiva e na utilización da planificación lingüística como ferramenta de traballo. Algo que eles non quixeron ou non souberon facer cando foron goberno. E esa nova política lingüística está integrada sen maiores problemas no “pacto lingüístico” consensuado hai máis de vinte anos

2 comentarios:

  1. É interesante como glosan o seu traballo na web da Xunta:
    "Á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística desde 2009, impulsou un novo modelo lingüístico no marco educativo, o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo, e puxo en marcha a primeira Rede de Dinamización Lingüística de Galicia"

    ResponderEliminar
  2. Eu engadiríalle, con ese Decreto destrozou o traballo de normalización de máis de 20 anos no ensino non universitario, e coa Rede, nos dous meses que leva funcionando, xa eliminou 16 SNL nos concellos.
    Isto non é nada. Proba a ler, como veño facendo eu desde hai 2 anos, as novas da SXPL: para poñerse a mexar e non botar gota.

    ResponderEliminar