Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 12 de abril de 2012

Alba Nogueira: 'A Xunta ten competencia nos formularios xurídicos en galego, e non fai nada'

Montse Dopico entrevista a Alba Nogueira en Praza:

A profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago Alba Nogueira acaba de ser elixida académica correspondente da RAG. Doutora desde o 1997 cunha investigación sobre o réxime xurídico das auditorías ambientais, é ben coñecida polo seu compromiso coa defensa do idioma galego. Coautora, xunto con Luís Villares, Antonio Xavier Ferreira e Anxo Tato, da obra Estatuto xurídico da lingua galega, as súas liñas de traballo abranguen tamén o dereito administrativo económico ou o dereito público autonómico. Este ano mesmo ano publicou, con Eduardo Javier Ruiz, Íñigo Urrutia e Ralf-René Weingärtner Shaping language rights, un estudo sobre a Carta Europea das Linguas Minoritarias.


Que supón para vostede que a escolleran académica correspondente da RAG?
É unha satisfacción que pensaran nunha para algo así, e supoño que ten que ver co meu traballo no estudo do dereito sobre o galego. Os membros correspondentes estamos para colaborar no traballo científico da RAG, e no ámbito do dereito é onde poderei realizar a miña achega. Pois a función da RAG non é defender a lingua só no ámbito filolóxico, senón nun sentido máis amplo.


De feito a RAG pronunciouse de xeito moi crítico sobre o chamado Decreto do Plurilingüismo, marcando así unha mudanza respecto das súas dinámicas habituais, máis centradas en cuestións puramente filolóxicas.
Si, o decreto é unha norma xurídica. Aínda que xa figura, en realidade, nos Estatutos da RAG, que a súa protección da lingua debe ir máis alá da corrección lingüística ou da lingua falada.

Ás veces a RAG recibe críticas por ser unha institución anticuada. E un dos motivos é a cativa presenza de mulleres. Vostede será unha desas poucas...
Institucións como a RAG, pola súa propia configuración, con postos vitalicios, acaban sendo integradas por xente maior, que é froito do seu tempo. E esta mesma dinámica fai que se reflictan na actualidade cuestións como a propia falta de presenza das mulleres nas institucións. Nos últimos anos a RAG foi corrixindo esta eiva non entre os académicos numerarios, pero si entre os correspondentes. E claro que é importante que haxa mulleres que poidan achegar os seus coñecementos, desde distintas perspectivas.

Foi vostede moi activa -xunto ao xuíz Villares e outros expertos-, na denuncia das pexas legais do denominado Decreto do Plurilingüismo. Pero ao final quedou a cousa en nada. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou a suspensión cautelar que demandara a Mesa pola Normalización Lingüística...
Pois o que ocorre é que a xustiza é moi lenta, e como non se ditaron medidas cautelares para suspender a aplicación do Decreto, segue adiante. Só por citar un exemplo desa lentitude: os recursos que se presentaran contra o decreto do bipartito foron aínda sobreseídos no 2010 porque entraba en vigor un novo decreto. E, polo que sei, o procedemento cos recursos contra o Decreto do Plurilingüismo admitidos a trámite, -aqueles que presentaran a CIG, a Real Academia...-, aínda comezou o verán pasado. Pero, desde logo, co auto do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, que acaba de saír, o que queda claro é que o decreto do bipartito, que só aspiraba ao 50 por cento de uso do galego nas aulas, non tiña ningún problema legal.

De que xeito lle afecta ao galego, daquela, ese auto recente do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña?
O auto executa unha sentenza anterior do Tribunal Supremo. O auto volve avalar o modelo de inmersión lingüística en catalán, pero di que se hai familias que queren que o castelán sexa a lingua vehicular, se debe atender o seu desexo, cunha atención personalizada, sen que isto signifique que sexa necesario establecer un itinerario en castelán en todo o sistema. Como o decreto do bipartito nin chegaba á inmersión, senón que só aspiraba ao cincuenta por cento en galego, queda claro que non tiña problema legal ningún.

Mais esa sentenza do Tribunal Supremo baseábase, á súa vez, naqueloutra tan ambigua do Tribunal Constitucional que dicía que a condición de lingua vehicular era predicable con igual título do castelán que do catalán, e que o catalán podía ser o “centro de gravidade” do sistema pero non podía haber unha “imposición estatutaria do uso preferente do catalán” en “detrimento do castelán”...
O que pasou con esa sentenza é que o Supremo interpretou que castelán e catalán xa acadaran unha situación de igualdade. O Constitucional avala a discriminación positiva para corrixir as situacións históricas de desequilibrio dunha das linguas oficiais, sempre co límite de non excluír a outra. E, nesa sentenza, o Supremo entende que ese obxectivo xa estaba cumprido, e ese foi o problema. Acadar ese obxectivo da igualdade entre o galego e o castelán é o que sempre defendemos nós, polo que non ten que haber ningún problema por pedir que o 50 por cento sexa en galego. Só que a actual lexislatura foi moi rica en retrocesos respecto da lingua: o Decreto do Plurilingüismo, a reforma da lei de función pública...

Unha cuestión sen resolver é a do uso do galego na xustiza. Di a xuíza Ana López-Suevos que a falta de recursos, como unha tradución ó galego dos programas informáticos especializados, é unha pexa importante. Que opina vostede?
Eu creo que por un lado está o feito de que o coñecemento do galego non é un requisito para exercer en Galicia como xuíz, senón só un mérito. E logo hai outras cuestións como a do programa informático. O xuíz Luís Villares traduciu os formularios ao galego para poder traballar en galego no seu xulgado, pero iso é un traballo moi grande que non conta ademais con apoio do Consello Xeral do Poder Xudicial. Nisto ten competencia a Xunta, e non fai nada.

Falaba antes da reforma da Lei de Función Pública, que suprimiu a obrigatoriedade de que unha das probas nos exames das oposicións se fixese en galego. Non houbo recursos contra isto? É coherente co resto do Dereito?
É que se trata dunha lei, non dun decreto. Entón só se pode presentar recurso ante o Tribunal Constitucional. E só poden interpoñer recurso de inconstitucionalidade o Presidente do Goberno, o Defensor do Pobo, cincuenta deputados, cincuenta senadores e os órganos colexiados executivos das Comunidades Autónomas. Co cal non hai moito que facer. O que pasou neste caso foi que se actuou igual que co castelán. Presúmese que a xente o coñece, e só se pide aos estranxeiros se lles pide que o acrediten. Así, no caso das oposicións en Galicia, basta con achegar un título de galego, pero xa non é necesario, como co bipartito, facer unha das probas do exame en galego, que era o xeito de demostrar que dominabas a terminoloxía que precisabas para desempeñar as funcións do posto.

Un dos obxectivos do movemento contranormalizador son os dereitos lingüísticos no ámbito privado que, como vostedes explican no libro Estatuto xurídico da lingua galega, si se recoñecen para protexer o castelán fronte ás linguas estranxeiras. Co bipartito fíxose habitual que, como propón o Plan de Normalización Lingüística, se condicionase lingüísticamente a concesión de subvencións. Que pasa agora?
Pois o certo é que polo momento, eu creo que máis porque había instalada unha rutina que non se mudou, segue a aparecer con frecuencia ese condicionamento lingüístico para a concesión de axudas públicas, e sobre todo na Consellería de Traballo.

Cando Feijoó comezou a anunciar as medidas de redución de cargos na Administración, vostede publicou un artigo no que denunciaba que a proposta non ía supoñer cambios reais. Como quedou ao final?
Se suprimes consellerías, como se fixo ao xuntar Educación e Cultura, o único que aforras é o salario do conselleiro. Por debaixo quedan as mesmas direccións xerais, os mesmos funcionarios... porque se segue a precisar xente para facer o traballo. Aquel artigo que citas respondía ao anuncio da creación dos superdelegados. Dicían que ían suprimir os delegados provinciais, pero ao final quedaron por debaixo os mesmos xefes provinciais, e engadiuse a figura nova dos superdelegados. O mesmo ocorre coa rebaixa dos salarios aos directivos das empresas públicas. Paréceme normal, só que os directivos de Sogama e CRTVG seguirán cobrando máis que o presidente. Ademais, creo que son medidas de cara á galería, que supoñen un aforro case anecdótico, e que o que pretenden é tapar a falta de acción de goberno.

Agadic acaba de despedir á directora do Centro Dramático Galego, que accedera ao posto por concurso público, coma o director do CGAC. E todo parece indicar que non vai haber novo concurso, malia as promesas realizadas polo ex-conselleiro Roberto Varela. Hai unha volta aos nomeamentos a dedo?
Nin no CDG, nin na televisión, nin en moitos outros ámbitos se avanzou nisto. O que pasa é que interesa ter nos postos públicos a xente da corda política do partido do goberno, pois só xente fiel e militante pode tolerar a falta de transparencia coa que actúan e tragar cos recortes sen dicir nada.

Tamén é experta en dereito ambiental. Praza Pública informaba estes días do problema que supuxeron os cambios na lei de incendios. Que opina disto?
A política ambiental é desastrosa en todos os aspectos. A actuación do Goberno no ámbito da lexislación ambiental é unha catástrofe, e consiste en desartellar o que estaba feito, e modificar as normas para suprimir os estándares de protección. Un exemplo é a lei de política industrial: só con declarar o valor estratéxico da actividade, xa se libra de adoptar as cautelas en materia ambiental. E iso pode servir para aprobar Sogama do sur, por exemplo. Hai moitos outros retrocesos, como na lei de ruídos. O nivel de desarticulación é grande. E se a isto se engade o recorte orzamentario, a dispersión organizativa... o balance é desastroso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario