Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 13 de maio de 2012

Valentín Paz Andrade, na luz e na sombra

Sábado 12 de Maio. Sala de Exposicións Novagalicia Banco da Estrada. Nun acto organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, Xoán Carlos Garrido comenzou falando de Castelao, quen desde o exilio sinalou a Valentín Paz Andrade como o ideal secretario do Partido Galeguista no interior. Foi todo un acerto esta escolla, pois a partir deste punto de partida Xan Carballa debullounos un exhaustivo repaso pola biografía de Paz Andrade, insistindo sobre todo na continuidade do seu labor politico desde os anos 20 ata os 80. Neste sentido, Xan Carballa indicou que ao falar de Valentín insístese moito no seu aspecto empresarial, en detrimento doutras facetas vitais: o seu traballo profesional como avogado, a traxectoria política e periodística ou mesmo a literaria.
Relatar todo o que contou Xan Carballa sobre Valentín Paz Andrade sería facer unha escolma exhaustiva da biografía que escribiu para Galaxia, polo que só vou destacar un par de ideas.
En primeiro lugar, volvendo a Castelao, cando éste morre o silencio que se impuxo sobre esta noticia foi sepulcral (nota aparte: agora a ese tipo de silencio chámaselle pax lingüística); apenas houbo algunha nota marxinal, un mes despois da súa morte, dando noticia dun funeral. Neste contexo Paz Andrade foi o encargado de escribir un artigo sobre pasamento que se publicaría na portada de La Noche. A pesar de que se tivera o coidado de acompañalo doutro titulado "Ancha es España", a revista foi expedientada por incumprir a normas da Dirección Xeral de Prensa.
Outro punto, no que Xan Carballa insistiu moito, é a incorruptible defensa da autonomía de Galicia que Valentín Paz Andrade mantivo durante toda a súa vida. Desde os primeiros momentos, no 1931 cando apoia coa súa sinatura  xunto con  Vicente Risco o Anteproyeito de Estatuto da Galiza redactado por Carvalho Calero, Lois Tobío e Alexandre Bóveda ata finalmente nos anos 80 cando fai unha dura crítica de como se estaba a construir o proceso autonómico galego, aferrollado polo centralismo.
Por rematar tal e como empezamos, non está de sobras lembrar a biografía que Paz Andrade fixo sobre o seu irmán maior, "Castelao na luz e na sobra". Obra fundamental para recuperarmos a nosa historia e a nosa identidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario