Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 2 de xullo de 2013

O catalán, o galego, e as linguas oficiais na Unión Europea



Onte, 01/07/2013, aproveitando o ingreso de Coracia na UE, e que así o croata pasaba a ser lingua oficial do organismo europeo,  a Plataforma per la Llengua e a Fundació Vincle, divulgaron este vídeo no que denuncian que todas as linguas de dimensións semellantes á catalana xa son oficiais na UE. Porén non é así no caso catalán por vontade expresa dos gobernos españois. A Plataforma per la Llengua considera denigrante e vexatorio este trato.
O argumento vén sendo repetido polos grupos de defensa do catalán desde tempo atrás. Esta lingua conta con 10 millóns de falantes nun territorio de 13 millóns de habitantes. Compárase este caso co croata, lingua habitual de 4 millóns de persoas dun totalde 4,4 millóns de cidadáns. Tamén se fai referencia a outras realidades, como a do irlandés, lingua habitual de 77.000 persoas, proclamada como oficial no 2007, 34 anos despois do ingreso de Irlanda na CEE. Pero tamén hai outras linguas oficiais con poucos utentes como o maltés, con 300.000 falantes; un número 9 veces menor có galego.
Efectivamente, se aquí se destaca o caso do catalán, non podemos esquecer, tal e como di a RAG, que "o galego ten máis falantes que algunhas linguas oficiais europeas como eslovaco, esloveno, maltés, islandés e gaélico"
Actualmente o estatus do galego nas institucións europeas non permite botar moitos foguetes. Pódese usar nas sesións do Consello Europeo e no Comité das Rexións, sempre que se solicite con sete semanas de antelación e sen a posibilidade de que as respostas sexan traducidas ao galego. Toda unha garantía de dereitos!
No caso da cidadanía, nun principio garántese no papel que poida dirixirse en galego ás institucións europeas. Na realidade non é así. O procedemento consistiría en dirixirse á Oficina de Linguas Oficiais, un organismo creado no 2007 e que hoxe fica acubillado na Secretaría de Estado de Cooperación Territorial, sen posibilida ningunha de dirixírmonos a el. En tempos, a SXPL ofrecíanos a posibilidade de dirixímonos directamente mediante un correo do cidadán ás institución da UE. Actualmente esta posibilidade está morta.
Outra posibilidade que se anuncia de contacto en galego coas institucións europeas é a do Defensor do Pobo Europeo. Incluso se indica que tanto desde esta institución como desde calquera outra da UE, teriamos dereito a recibir a resposta en galego. Pero este presunto dereito non se materializa na realidade en forma algunha. Por exemplo, a oficina do Defensor do Pobo Europeo podería darnos a resposta en maltés, pero non en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario