Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de setembro de 2011

Fermín Bouza Brey, xuíz e parte

por Xoán Carlos Garrido Couceiro, en Terra e Tempo:

Si, porque aínda que o tiña prohibido, Fermín tomou partido. Mesmo chegou a militar no PG na súa fundación. Mais as veces as aparencias enganan e poida que se chegara a pensar que este intelectual era dos que se quedaban á marxe.

Cando o pasado sábado 24 de setembro o Concello da Estrada, a iniciativa da Irmandade Xurídica Galega, homenaxeaba a Don Fermín, concretamente polo seu compromiso coa lingua e coas liberdades, tamén puidera parecer un acto normal se non fora pola presenza dunha personaxe tan hostil á nosa lingua como é o Sr. Anxo Lorenzo. A intervención dunha xuíza lembrando que a Xunta de Galicia lle enviou o programa informático de xestión excluíndo a nosa lingua, a diferenza do que acontece en Euskadi e Cataluña, desvelou á realidade anormal na que vivimos. A realidade dun goberno que prohibe de novo o idioma propio na escola (por agora só ao profesorado de ciencias, ao resto simplemente nos desprestixia). 

Non quero con isto quitarlle valor ao acto e vaia por diante o recoñecemento aos promotores desta e de calquera iniciativa a prol da nosa cultura e a nosa lingua. Nin sequera se cuestiona a sinceridade e agarimo con que o alcalde se compromete co idioma e mesmo celebramos o traballo de investigación e recuperación da nosa historia que está a levar a cabo o Sr. Xesús Palmou, destacado militante do PP. Mais non podemos evitar denunciar que a participación do Secretario de Política Lingüística nestes actos só serve para ocultar a auténtica práctica de exterminio da lingua que está a levar a cabo. Do mesmo xeito, noutros momentos históricos, outros fixeron o contrario. Actuando dentro da legalidade franquista e no marco institucional e político que se lles impuxo, facendo un traballo calado e intenso no sentido contrario. Un labor que para evitar que fose abortado polos represores tiña moito de clandestino e, xa que logo, dificilmente vendíbel para conquistar fama e recoñecementos. Por iso está ben que se saiba que Fermín Bouza Brey fixo o que puido. E as veces, máis do que puido.

Cando o capitán da Garda Civil lle recomendou "no se meta", meteuse. Compre lembrar como lle pediu explicacións e lle esixiu unha investigación e esclarecemento do feito dos 6 paseados da Ponte do Regueiro. O 9 de decembro do 36 aparecían á saída da Estrada cara Pontevedra os corpos sen vida de José Domingo González Boullosa, Juan Bacariza Sánchez, Severino García Teijeiro, Manuel Guillán Abalo, Xesús Froiz Gómez e Ramón Muíños Lorenzo. Corpos que amosaban as torturas ás que foran sometidos e os disparos polas costas que levaran. 

Fermín Bouza Brei estaba sometido a moita presión pois na súa man estaba salvar en primeiro lugar ao seu pai e ao seu irmá que estaban detidos e a piques de ser paseados pola falanxe de Vilagarcía. O único xeito de evitalo era intercedendo entre os diferentes bandos dos alzados. De aí que lograse que nun primeiro momento a falanxe de Vigo se fixera cargo do seu irmá para logo tratar de sacalo da cadea a través do suborno. 

Non se trataba de que houbese unha falanxe mellor que outra, senón porque este tipo de movementos se caracterizan pola ambición persoal e a loita polo poder entre os seus membros, e Fermín tivo que xogar nese terreo. Así, a quen comprou para liberar ao seu irmá foi a Ricardo Menéndez Bustamante, coñecido como Florentino e alcumado o "cubano". Un dos máis sanguinarios asasinos da primeira época. Era tal a súa sona que Luís Bouza Brey se negou a ser "rescatado" por este elemento.

O caso é que a facción de Vilagarcía, onde estaba a súa familia, llas tiña xuradas, e alí mandaba Daniel Buhigas Olavarrieta. Quen é certo que estaba enfrontado co xefe provincial Manuel Castro Pena, veciño do concello onde Fermín era xuíz, A Estrada. Mais Manuel Castro Pena tamén llas tiña xuradas a Fermín. Pois o xuíz tiña mandado detelo a el e aos seus irmáns en maio do 36.

O xulgado e a cárcere onde el trataba de impartir xustiza estaba situado na praza do Mercado, fronte ao cuartel da falanxe e ao da Garda Civil. El sabía o que acontecía. A Garda Civil e a falanxe actuaban conxuntamente e de xeito informal. Naqueles "cuartelillos" entraban rapaces dos que non se sabe que saíran, como é o caso de Clementino Louzao. Un dos que foi pasar a noite a ese establecemento e logo humillado publicamente foi o mestre galeguista Antonio Fraguas, con quen Fermín compartía na Estrada multitude de proxectos culturais e máis que culturais (como cualificar a comisión pro monumento a Pardo de Cela que presidía o xuíz neste concello).

Que facer? Con que forzas contaba? Xa se veu o caso que lle facían os Gardas Civís cando lle dan por resposta ao seu requirimento polos 6 da Ponte do Regueiro que tiveran que disparar porque se daban a fuga. Fermín só podía apoiarse na propia corrupción e ambición persoal dos alzados, por iso resulta moi interesante levar o seguimento da instrución da causa coa que logrou finalmente mandar a prisión á cúpula provincial e local da falanxe a principios do 37. Como foi tecendo a acusación de xeito tan intelixente, escarvando onde podía, para ao final minar os cimentos da falanxe até que caeu o propio Manuel Castro Pena.

Claro que participou en todas as manifestacións ás que estaba obrigado para celebrar as vitorias franquistas. Esa fotografía da súa asistencia a estes actos contradicía a información que nos chegaba dos veciños represaliados do Concello. Aseguraban que lle debían a vida pois el tratara de regularizar a súa situación fronte a ameaza de calquera noite aparecer nunha gabia. Co tempo puidemos revisar as causas militares e acreditar a estratexia do xuíz. Tratando de facer valer a súa xurisdición civil á militar e acusando aos perseguidos de delitos menores. Tamén tivemos ocasión de comprobar que xa ensaiara esta táctica con éxito con motivo da revolta do 34 (mal chamada de Asturias, pois na Galiza houbo multitude de presos). 

Os papeis que revisamos dan conta da súa frenética actividade encuberta. E non só encuberta. Temos constancia que mesmo chegou a ir de testemuña a xuízos militares a favor dos republicanos. Este é o caso do celebrado contra o mecánico Manuel Vázquez Cruz. Se ben, a pesares da súa intercesión, non logrou evitar que fose fusilado.

A medida que botamos luz sobre o seu quefacer, alén de desagraviar a un dos máis agraviados intelectuais deste país, entramos en contacto coa complexidade dunha acción a prol de Galiza nun marco represivo. Temos novas dalgunhas desercións dos que non souberon aguantar a treboada. E mesmo somos quen de comprendelo e perdoalo. Mais tamén tomamos conciencia da débeda con aquela xeración do sacrificio. Persoas que resistiron e non claudicaron da lingua e da nación. Este é o caso dunha das testemuñas da causa que Bouza argallou contra a falanxe e coa que tiña unha íntima amizade: Manuel García Barros. Quen a última vez que o detiveron polas súas actividades galeguistas tiña 80 anos. Nunha carta de ánimo que Bouza Brey lle enviou a este vello galeguista no 1956 escribía "Xa verá vostede que inda hai Pátrea, posto que os rapaces de ista Universidade sinten os probremas galegos e escreben e falan e teñen ideas na lingoa nosa, apesares de toda a morralla que temos enriba, de iñorantes, de pedantes, de traficantes e de mangantes".

Lendo estas palabras de Bouza puidera pensarse que estaban escritas hoxe. Efectivamente os mangantes son os mesmos. Pero o esforzo dos que nos precederon non foi inútil. Grazas a súa loita e as loitas posteriores logramos avanzar. Certo que agora parece que hai refluxo. Mais que ninguén pense que se lle regalou nada aos defensores da lingua e do país. Todo o que se conquistou foi a contracorrente e en circunstancias moi arriscadas e gravosas para quen sostivo esta batalla. Foi preciso moito aguante e moita intelixencia. Aprendamos do pasado, recollamos a tradición de loita que nos precedeu. Esteamos a súa altura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario