Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 23 de setembro de 2011

Os pseudogaleguismos, máis unha forma de españolismos

por Xosé Manuel Sánchez Rei, en Terra e Tempo:

Non é a primeira vez que, desde diversos foros, criticamos a utilización de pseudogaleguismos, elementos normalmente vocabulares a que a evolución da lingua concedeu idéntica ou parecida forma que os correspondentes do español. Xorde aquí entón unha certa vontade galeguizadora que consiste en os adaptar para os tornar "máis galegos", somenténdoos a equivalencias fonéticas e morfolóxicas nesa ansia de os virar máis autóctones.

A súa historia é relativamente recente: aínda que xa se detectan esporadicamente nalgúns textos dos séculos XVII e XVIII, van ser os anos finais do XIX cando coñecerán un uso en aumento, aínda que sexa durante os primeiros anos do século XX cando abrocha con máis forza esta tendencia galeguizadora, mesmo se proxectando ao longo de toda a centuria até ao proceso normativizador desenvolvido desde 1970-1980. Notemos que xa no ano 1890, Marcial Valladares, nos seus Elementos de gramática gallega, testemuña e parece criticar a tal pretensión de diferencialismo, xa que, segundo el, resultaba abusivo galeguizar gratuitamente moitas palabras españolas ou adulterar as galegas; como queira que sexa, as impresións do erudito estradense non callaron nos máis das escritoras e dos escritores da altura nin de épocas posteriores, pois foi precisamente a literatura o principal ámbito en que proliferaron eses fenómenos. Convirá ponderarmos que, na realidade, este verniz que galeguiza formas lexítimas, até sendo un benintencionado mecanismo de defensa, supón, no fondo, máis unha forma de españolismo, pois marca a dependencia do idioma a respecto do castelán. Trataríase, por tanto, dun tipo de españolización indirecta ou secundaria, xa que é o español o que a motiva e non a propia lingua.

Concedéndomos, por tanto, o protagonismo destas páxinas ao léxico, pagará a pena detérmonos un bocado en que tipoloxías de textos costuman aparecer: o discurso político (que conduce, na rúa, na casa, no traballo etc., unha boa parte das conversas cotiás, nomeadamente en días de campaña ou de precampaña), as tertulias radifónicas e televisivas (a trataren supostos temas de actualidade e de interese comúns), os programas de variedades, as retransmisións desportivas etc. É por isto que non resulta nada intranscendente repararmos en que unha boa parte do que expoñen e de como o expoñen pode acabar asentando na xente, ou sexa, determinados trazos do galego empregado por esas persoas son susceptíbeis, desde esa proxectada megafonía, de pasaren a caracterizar tamén diversas variedades de lingua, adoito nos ámbitos citadinos e comunmente naqueles utentes que tiveren unha certa preocupación pola calidade do galego que utlilizan.

Así pois, con esa invulgar semente (a lingua), con tal terreo de cultivo (o discurso público) e con ese sistema de regadío (certa vontade louvábel de uso dun galego autóctone, mais esteada no descoñecemento linguístico), danse as condicións necesarias para que xermolen e que se reproduzan con moita facilidade barbarismos que, aínda estando ocasionados polo desexo de destonaren de españolismos a lingua, non representan senón máis unha outra tipoloxía de formas foráneas. Obviamente, non podemos pretender desde aquí elaborarmos unha listaxe exhaustiva de todas esas casuísticas, aínda que non nos resistimos a comentar algunhas, talvez as máis frecuentes. Deste modo, desde equivalencias do tipo gal. broa / esp. brona, aplícase similar correspondencia a palabras que en galego presentan, por historia, a nasal intervocálica. Subsecuentemente, xorde un verbo como *abandoar, tal e como o utilizaba un membro dunha lista electoral hai algún tempo: *Non podemos abandoar os cidadáns, en vez de Non podemos abandonar os cidadánsabandoar, en galego, non partilla os trazos semánticos de deixar, mais significa "xuntar en bandos ou bandadas", e non acreditamos en que a intención desa forza política tivese que ver coa vontade de facer bandos coa cidadanía da localidade... (ou talvez si?). A saúde desa mesma nasal continuou a súa sobrevivencia en condicións certamente difíceis, de tal modo que non pode estrañar que fose obrigada a desaparecer nunha presentación de candidatura, en que, con toda a xustiza, se reclamaba máis *zoas verdes para un bairro dunha localidade atlántica e até para a cidade en si propia. O nome substantivo zona, como equivalente de rexiónárea etc., non posúe problemas co seu , de forma que, en o non tendo a propia palabra, os únicos conflitos que levanta son naquelas persoas que, por a xulgaren máis galega sen esa consoante, a converten erroneamente en *zoa, a lle aplicaren a mesma solución antes comentada para *abandoar / abandonar. A única existencia de zoa na nosa lingua só é posíbel cando se utilizar como verbo (como, por exemplo, en Zoa o vento), aínda que teña unha orixe un tanto particular (soar > zoar) con certa especialización semántica. 

Por outra parte, certas persoas, asiduas a tertulias, costuman mesmo hoxe referírense á situación dos *centro urbáns, xa que presenta(ba)n problemas específicos, e mesmo dos *dereitos humáns dos seus habitantes, que, en ocasións, non gozan da mesma calidade de vida que o resto da veciñanza. Tomando como modelo o gal. irmán / irmá, é como se pode explicar a xénese de tales *urbáns ou *humáns, que, no entanto, deben presentar a solución culta. Dígase, pois, centros urbanos e dereitos humanos, que son as únicas posibilidades válidas na lingua, e abandonemos definitivamente esas pseudogaleguizacións. En parecidas circunstancias é que se acha *semán, invento moderno inxustificado en vez de semana, que é a palabra correcta, como ilustra o cantar tradicional compilado por Pérez Ballesteros na segunda metade do século XIX, no cal, dito sexa de paso, se observa igualmente un sistema de nomenclatura híbrido (pagán e cristián) para os días da semana: Hoxé é luns, mañá e martes; / cuarta feira logo vén; / de mañá en oito días / éche a semana que vén.

Outrosí, o desenvolvemento dalgunhas actuacións municipais neses centros urbanos que comentamos máis arriba pode bater, ás veces, con impedimentos de carácter xurídico, isto é, pode atopar determinada sorte de inconvenientes no marco da legalidade urbanística. Esa palabra, que parece non gozar do aplauso oratorio na Galiza, é convertida moito frecuentemente en *inconvintes, polo que non é de estrañar que teña un notábel uso e que, xustamente por esa utilización, hai algún tempo xurdise dos beizos dunha persoa pública, nun contexto como *inconvintes legais, cando se puña de manifeso a existencia de eivas que cuestionaban atinadamente algunha que outra vontade especulativa.

En determinados medios de comunicación ás veces son denunciados os *ambentes de marxinalidade que se atestan nalgunhas vilas e cidades da nación. Obviamente, non pode ningúen estar en desacordo coas medidas que coadxuvarán na solución deses problemas sociais, mais si discordará co uso da relativamente usada forma *ambente: seguindo o modelo gal. ferro / esp. hierro, aplícase a mesma correspondencia a cultismos que tamén na nosa lingua presentan ese ditongo crecente, como é o caso de ambiente, reiterada e inacaidamente empregado como *ambente. E, claro, nada parece mellor que unha forza política sublime publicamente o seu *programa sinceiro para acabar con esas situacións de marxinalización; isto é, nada se torna máis adecuado que outro apaixonante asunto de ditongos para dar conta de tales conflitos urbanos. Nesta ocasión, outra volta en casos que se non xustifican de acordo coa nosa particular historia lingüística, a se basear en correspondencias como gal. -eiro / esp. -ero, priorízase un ditongo , que supón máis outro verniz de galeguidade para vocábulos autóctones de seu. Como a (pre)campaña e as pasadas eleccións municipais coincidiron nunha determinada época do ano, sería, por acaso, o emprego da palabra *primaveira a causante de tales reconversións, en vez de primavera

En fin. Fóra tons máis ou menos irónicos con que quixemos aquí comentar eses inapropiados usos no noso idioma, non cabe dúbida de que todas as galegas e todos os galegos somos responsábeis dunha boa utilización da lingua, da súa calidade e da súa saúde. As persoas con proxección pública e política, tamén. Así pois, pidámoslles que asuman, igualmente, a súa proporción de responsabilidade e de compromiso co correcto uso do idioma. Alguén do venerábel é capaz de imaxinar representantes da cidadanía na Europa que, desde os seus organismos institucionais, non empreguen coa corrección precisa a lingua dese país ou nación? E, no caso en particular dos pseudogaleguismos, pode alguén pensar nunha tertulia desenvolvida en Londres ou nunhas declaracións políticas efectuadas en Liverpool cuxos responsábeis inventen ou reconvertan palabras para as tornar máis inglesas?  

Ningún comentario:

Publicar un comentario