Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 26 de abril de 2012

Comulgando con rodas de muíño. O plurilingüismo

Eu, como comulgo con rodas de muiño, penso que introducir o ensino do inglés a nenos de 6 anos ou menos é beneficioso para a súa formación. Non me importa que José Manuel Vez, un experto da USC no ensino de linguas, diga todo o contrario.
Tampouco considero que sexa discriminatorio o decreto polo que se establecen os centros plurilingüies, pois paréceme moi positivo que, sobre todo os centros de ensino privado, substituán as clases en galego por outras en castelán con algunhas febras de inglés. A razón fundamental é que, como comulgo con rodas de muiño, non considero para nada negativo que eses rapaces acaben falando galego ao estilo Johnny Weissmüller nas películas de Tarzán: Eu Tarzán/ Ti Jane/ Aquí comer / Mañán marchar.
     O inglés é útil. Porén o galego é inútil. Eis o sentido de que a política lingüística de fomento do galego pase, en exclusiva, polo fomento do inglés. Así conseguiremos un inglés aínda aparentemente máis útil e un galego aparentemente aínda máis inútil. A consecuencia lóxica desta forma de entender o plurilingüismo vén sendo como se presentaba nun principio o caso do Colexio Jesús Maestro de Ponferrada, que para implantar unha sección bilingüe, eliminaba a posibilidade e escolla do galego como optativa. Velai que o plurilingüismo este non vai ser promotor da suma, senón que apostará pola resta, ou como dicimos agora os que comulgamos con rodas de muíño, contribuirá ao aforro en materia lingüística.
     O inglés, e non o galego, é o idioma que debe ocupar posición central na xestión da política lingüística. Razón ésta polo que conviña que o antes posible substituíramos a Secretaría Xeral de Política Lingüística por una academia de inglés, preferiblemente de xestión privada.
     Fíxose un Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras co obxectivo de que todos os galegos teñan competencia en inglés, pero non se fixo un  de potenciación do galego. Como os datos do Mapa Sociolingüístico 2004 aínda hai un 30% de utentes do galego entre os xóvenes (15 a 24 anos), non creo que sexa difícil reducir esta cifra mediante a aplicación dos plans plurilingües. Xa sei que isto vai en contra do Estatuto de Autonomía, pero é que a venerable comisión que o redactou non podía imaxinar que o artigo 5 viría de ser derrogado despois dunha disposición conxunta da Consellería de Educación e o Valedor do Pobo. Eis que agora, de facto o artigo 5.1 di que a lingua propia de Galicia é o inglés. Non podemos combatir o inglés promocionando o galego polo que combatiremos o galego promocionando o inglés.
     Como comulgo con rodas de muíño, entendo que o  plurilingüismo consiste niso, en deixar de usar o galego. Ou aínda máis, en aprender a desaprendelo, a deixalo de lado, a desprezalo (con moderación), a poñerlle límites, a non usalo nas clases de ciencias. Convírtese así o plurilingüismo nun perfecto oxímoron: canto máis plurilingüismo menos lingua (galega). Mais, con todo, eu son incluso galeguista. Por iso non me importa que se permita aos profesores de galego impartir a materia, iso si, sen imposicións.
     Non sei se o dixen, pero como comulgo con rodas de muiño, non só creo, senón que defendo que a potenciación dunha lingua forte como o inglés non intervén para nada na consideración do prestixio do galego. Así que estou encantado con que se desvíen os cartos que con cada vez máis saña nos retiran dos diversos impostos para que sexan xestionados por empresas privadas na implementación do plurilingüismo. Por iso tamén prefiro que se desvíen dotacións aos centros denominados plurilingües e que se privilexie ao profesorado que se comprometa a impartir aulas en inglés no canto de facelo en galego, porque penso que o prestixio do galego xa acadou cotas de consideración social suficiententemente altas e agora cómpre reducilas. Efectivamente, que na práctica non haxa medios de comunicación escritos en galego significa simplemente que todos sabemos ler moi ben en castelán. O feito de que o galego estea prácticamente excluído do mundo xudicial debe ser por axilidade; imaxinade que todos quixéramos declarar en galego como o ex-conselleiro Fernando Blanco que por culpa do seu empeño houbo que agardar 3 horas a que un tradutor verquera toda a declaración ao castelán.
     En definitiva, como acredito fundamentalmente no monilingüismo, defendo o que simpáticamente chaman plurilingüismo desde a Consellería de Educación.

2 comentarios:

  1. O que aquí se etiqueta como "plurilingüismo" -por motivos políticos deste goberno e do partido que o sustenta- non é outra cousa que o CLIL que se vén levando a cabo noutros países ao longo das últimas décadas. Así, por exemplo, en Suecia introduciuse no ano 77 nunha rama electrotécnica da FP. Durante 15 anos poucas escolas e institutos se sumaron ao proxecto. Logo, nos anos 90 produciuse o boom grazas a unha nova lei de educación, que outorgaba autonomía ás escolas para implantalo. Arredor do ano 99 xa chegara a unha fase de estancamento (4% da escola obrigatoria e 23% da postobrigatoria). Unha cuestión importante é que é algo solicitado polo alumno, concedido pola escola e limitado ao nº de prazas ofertado. Como non contaba cun grande apoio nin municipal nin estatal das autoridades suecas, o CLIL sobrevivía grazas a uns 300 ou 400 profesores (nun país de máis de 9 millóns de habitantes). A cuestión é aínda hoxe motivo de controversia, porque autores como Lim Falk (2008) aseguran que o alumnado do CLIL orixina moi pouca produción e rendemento lingüísticos durante as clases, e outros como Washburn (1997) sinalaban que ficaban detrás do resto a nivel de contidos, mentres que en inglés acadaban resultados parecidos aos dos compañeiros dos grupos en que non se implantara o CLIL.

    ResponderEliminar
  2. Vexo que coñeces do tema moito máis ca min polo que che agradezo todas as aportacións que fas. Clarifican moito o asunto.
    Ao pouco de publicar esta entrada decateime de que había un aspecto que non tocara. Aproveito a facelo agora. Trátase da profunda modificación do concurso de traslados que se fixo para apoiar este penoso plan "plurilingüe". Esta modificación vén sendo a creación dun concurso paralelo e completamente fraudulento. As intencións da Xunta vense ben claras en accións coma esta. En ningún momento se incentivou a innovación, creación e participación en propostas normalizadoras. Pola contra non dubidaron en destrozar toda a lóxica do concurso de traslados.

    ResponderEliminar