Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de outubro de 2012

A dinamización como negación da normalización. Un exemplo n´A Estrada.


Non cómpre que expoña aquí o que entendo por normalización, tanto porque xa o teño escrito por este blogue adiante como porque aqueles que detentan o mando na dirección da política lingüística
non poden refutalo, senón que as súas consideracións veñen a dicir en esencia que a normalización non é agora o obxectivo, senón que o único que lle intesa aos cidadáns é un certo concepto transparentísimo, a dinamización, que actúa como cristal ou diamante, totalmente imperceptible aos nosos sentidos; o cal, enchendo todas as actividades e cubrindo as máis elevadas posibilidades sociolingüísticas, cínguese arredor dalquel primitivo e, na altura, visible concepto de normalización, que non impide, no entanto, que o español o invada todo, de modo que poida mergullarse á beira das máis escondidas actividades dinamizadoras, provocando a multiplicación da súa presenza ante os nosos sentidos. Non cabe dúbida de que esta idea da dinamización é tamén unha fermosa obra da imaxinación; o único problema é que, na práctica,  está construída contra a normalización. Vexamos o seu funcionamento.

Un exemplo da dinamización contra a normalización.
A pasada semana chegou á Estrada "O señor das dunas", un bo espectáculo que mestura a narración oral de varios contos cun espectáculo visual de manipulación de area. Segundo a versión oficial esta programación é un exemplo paradigmático da dinamización creando espazos de uso e de aprendizaxe do galego. Habería que debullar moito para explicar por que este espectáculo se convirte en dinamizador polo simple feito de estar pagado pola SXPL mentres que outros, por depederen da Consellería de Cultura, fican fóra do eido dinamizador. Tería sentido que a SXPL se encargara de promocionar actividades que non se realizan en galego como pode ser o caso do cine. Porén organizar espectáculos teatrais non ten obxecto ningún pois este ámbito si que está normalizado. Eu só acho unha explicación a este tipo de actividades: a de facernos ver que o teatro en galego non é tan normal, por iso ten que vir da man da SXPLAsí ademais ponse en marcha unha acción que realmente non normaliza nada (se non fose acollida pola SXPL tería que selo pola súa administración natural: a Consellería de Cultura) e de paso ensinamos que o ámbito do galego debe ser restrinxido (facémolo en galego porque é da SXPL).
O dia anterior a esta representación montouse na praza do Concello unha aula de reciclaxe subvencionada pola Xunta e organizada por Ecoembes. O tempo era bo e estivo chea de nenos toda a tarde. Proxectaban un vídeo educativo, en español ( e iso que Sogama ten algún en galego). Varios monitores atendían o stand. Todos falaban en español. Todo o tempo. A razón debe de ser que o asunto do lixo non estaba organizado pola SXPL, aínda que o parecía. Iso si, no portal da Consellería de Medio Ambiente non divulgaban esta campaña como unha forma de creación de espazos para os prexuízos lingüísticos pois todos eles aprenderon que a lingua da Xunta, e por extensión, a lingua de Galicia, non é o galego.

Conclusión
Así pois, se nos permitismos imaxinar o que nos pete, se outros din que a  cristalina dinamización debe ser o cerne da política lingüística, aceptareino con tal de que con igual cortesía se me permita dicir que ese cristal posúe a subtil propiedade de reflectir a presenza do castelán aumentada trinta veces mentres que o galego se ve outras trinta veces reducido. Isto é o que sucede cando retiramos da acción da política lingüística o que tería que ser o seu obxectivo ineludible: a normalización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario