Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 28 de outubro de 2012

A máquina de calcular, por Ramón Verea


No número XVIII de La Ilustración Gallega y Asturiana, publicado en Madrid o 28 de xuño do 1881  é  noticia a unha nova máquina de calcular creada por "un inventor galego". Tratábase de  Ramón Verea. Nese mesmo número reprodúcese un artigo de Verea aparecido no xornal Las Novedades de Nova York que reproducimos aquí. Nel o inventor explica con moita claridade o significado da súa aportación.
As características principais da calculadora xa as explicara así: "A máquina que teño é a terceira que fixen: a súa capacidade é para nove cifras no sumando, multiplicando ou divisor, seis no multiplicador ou cociente, e quince no produto ou dividendo" e pasa a dar as súas dimensións: 36x30x20 cm.
É impresionante a lucidez con que Verea nos explica a importancia do seu invento:

Das numerosas invencións hoxe coñecidas, non hai unha soa na que fracasaran tantos e tan eminentes xenios como na máquina de calcular. Entre outros moitos, os nomes de Pascal e Leibniz, tan célebres no mundo das ciencias exactas son testemuña deste, polo que parece, atrevido aserto.
Antes de ir máis lonxe debo facer notar a diferenza esencial que existe entre as máquinas de contar e as de calcular para demostrar que o terreo relativamente facil no que traballaron os inventores das primeiras e as dificultades coas que loitou o que subscribe para substituir un mecanismo que calcule, palabras que a primeira vista se rexeitan, e que parece imposible dixerilas xuntas.
Non sei se algún dos inventores que me precederon soñou algunha vez cunha máquina de calcular; pero sei que todos os aparatos ata o de hoxe inventados non fan máis que contar, pois o seu alcance non fai máis que sumar e restar, operacións que nada teñen de cálculo. Se nos dan seis montóns con sete grans cada un e imos contando 1, 2, 3,..., 40, 41, 42, entón contamos: pero se decimos 7x6 = 42, facemos un cálculo en pequena escala. É verdade que contando podemos chegar ao mesmo resultado que calculando; por exemplo 6.729.465 x 38.976 podemos pescudar o resultado sumando o primeiro factor 38.976 veces, ou viceversa; pero, canto máis breve e simple non é facer a multiplicación?
O primeiro fano as máquinas coñecidas, o segundo só o fai a miña. Para pescudar cantas son nove veces nove, contan nove, dez, once, etc., ata oitenta e unha. Eu saco o resultado a un golpe facendo aparecer simultanemente 8 nunha roda e 1 na que lle segue á dereita; e se no canto de 9x9 poñemos 846.728.235x9, o produto de cada cifra do multiplicando aparecerá a un tempo, formando o total completo. As primeiras, á maneira da materia non poden ir dun punto a outro sen pasar polos puntos intermedios; a segunda, como o espíritu pasa dos factores ao produto como se entre éstes non mediara distancia ningunha. Aquilo é contar, isto é calcular.
Por ser precisamente tan mal aritmético, pensei nunha máquina que fixese máis ca min: que non se equivocase. Con este pensamento púxenme a estudar a historia da invención, e o que a outro o faría desistir do proxecto, a min animoume: Parecíame por unha parte excesiva presunción acometer unha empresa onde homes tan grandes sucumbiran; pero, por outra parte, seducíame a idea de deixar atrás esa falanxe de celebridades. Tiña as miñas presuncións de mecánico e inventor: e onde probalas mellor que nunha máquina de calcular?
Cábeme a satisfación de dicir que de nada me serviron os traballos dos que me precederon. Non mellorei ningunha das máquinas existentes: inventei unha enteiramente nova no principio fundamental e nos seus detalles máis esenciais. Ata aquí fixéronse máquinas para substituir as mans do home, para facer traballos mecánicos; pero ningunha para executar os traballos puramente intelectuais; nunca unha combinación de pezas metálicas substituíra ao entendemento; nunha a máquina competira, nin tan siquera igualara, ao espíritu en rapidez
Coñezo os principios da mecánica; teño unha idea dos mecanismos máis difíciles; pero non souben nunca dunha máquina que encerrara tantas dificultades
O meu obxecto ao emprender unha invención a primeira vista imposible non foi a esperanza de reembolsar xamais nin unha parte dos vaios miles de pesos que gastei; nin será tampouco coa celebridade qeu outros por menos adquiriron, e que eu non ambicionei; os meus móbiles foron: 1) un pouco de amor propio; 2) moito de amor nacional, o desexo de probar que en xenio inventivo un español pode deixar atrás ás eminencias das nacións máis cultas; 3) o afán de contribuir con algo ao adianto da ciencia; e 4) o último, un entretemento conforme aos meus gostos e inclinacións

Ningún comentario:

Publicar un comentario