Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 3 de outubro de 2012

bUSCatermos: un John Deere para o deserto

Coincidindo co comenzo do mes de outubro, o Servizo de Normalización Lingüística da USC puxo a disposición dos internautas o acceso libre á base de datos terminolóxica bUSCatermos.
Esta ferramenta achéganos información sobre 150.000 conceptos de áreas especializadas en galego, español e inglés aínda que tamén conta con datos doutras linguas como o catalán ou o italiano)
Esta nova posibilidade é un paso adiante na divulgación da terminoloxía. Ata o momento dispoñíamos dos materiais do SNL da UdC, 'Profesionaliza a túa lingua' e do Andel de traballos terminográficos do SNL da USC. Por centrar o tema, no campo das matemáticas podíanse consultar os seguintes manuais: Profesionaliza a túa lingua. Estatística e Profesionaliza a túa lingua. Matemática,extraídos dos recursos da UdC, ou este outro da USC:Vocabulario de matemáticas. Santiago de Compostela. Universidade., de Xosé Masa Vázquez (1995)
Pero a min, o que máis me chamou a atención da presentación desta base terminolóxica foi a cara de Manuel Núñez Singala, o director do SNL. Que estaría pensando nese momento? Estaría remoendo en como medir a incidencia deste recurso? Andaría a darlle voltas a se a SXPL se apropiaría mediáticamente do traballo realizado pola Área de Terminoloxía do seu departamento? Non o podemos saber, mais si é posible analizar, desde o punto de vista de quen se interesa na normalización, cal é a aportación do bUSCatermos.

O bUSCatermos e a normalización
Para que queremos o bUSCatermos? Se lle facemos caso á SXPL, hai dúas razóns principais coas que esta ferramenta contribúe á normalización. A primeira é que isto é unha mostra da potenciación do galego na internet. Tamén é a única mostra destas características que veu da man da SXPL nos últimos tres anos. Se un traballo realizado por máis de 200 expertos conclúe que o galego está en risco de extinción dixital por mor de que o apoio recibido é "feble ou inexistente" estaremos achegándonos a cal foi a política real da Xunta en materia de promoción nas TIC da lingua galega. Vou citar só un exemplo. No caso da Consellería de Educación, crearon toda unha plataforma, a do Abalar, procedente dun programa do MEC para a implementación das TIC na escola, coa obsesión de abrir unha porta todo aquel que quixera excluir o galego da navegación pola mesma. Isto dou lugar á creación dun recompilatorio de unidades didácticas nas que por cada unidade en galego aparecen dúas en castelán.
O outro vector normalizador do recurso bUSCatermos, segundo a SXPL, consiste en poñer a disposición dos profesionais os medios terminolóxicos suficientes que faciliten o emprego do galego nas actividades profesionais. De certo que o maior colectivo que podería sacar partido desta ferramenta sería o dos docentes. Claro que, se isto se fai nun campo no que por medio do decreto 79/2010 se lle prohíbe ao profesorado a impartición das clases en galego, para que queremos o bUSCatermos? Sabendo que a Consellería de Educación fixo todo o posible para boicotear este material didáctico da materia de matemáticas polo feito de estar en galego podemos entender ata onde chega o extremismo dos que só mediante unha radical hipocrisía intentan disimular a súa zunia anti-normalizadora. Intentando levantar un muro que tape a política que procura asegurar espazos de exclusión e prohibición do galego, izan a bandeira do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Isto só poden facelo ocultando que as medidas 2.1.26 e 2.1.27 do PXNLG establecen un mínimo do 50% de mínimo (non de máximo) de docencia en galego no ensino non universitario asi como o establecemento das áreas de matemáticas e tecnoloxía como principal referente para impartírense en galego. O decreto 79/2010 establece xusto o contrario.
Temos pois unha boa maquinaria, o bUSCatermos, que como un moderno Jonh Deere  vainos ser completamente inútil porque... quen se vai poñer a arar no deserto?

Ningún comentario:

Publicar un comentario