Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 31 de outubro de 2012

Chaman "imposición" á oficialidade

por Xabier Cordal en Prolingua:

Cando o franquismo rematou -desde o punto de vista biolóxico-, os seus herdeiros responderon ao clamor que esixía a presenza pública da lingua galega. Fixérono espallando a idea de que a súa “imposición” resultaba intolerable e polo tanto, debía permanecer relegada baixo o estatus da opción persoal.Ao chegar o Estatuto de Autonomía o idioma da maioría dos galegos e galegas consagrouse como oficial. O feito de que o arco parlamentario asumise tal oficialidade, a pesar dos flagrantes incumprimentos da Lei, ou se cadra grazas a eles, mantivo calados os nostálxicos da imposición absoluta da lingua española.Non estraña que o contexto actual de retroceso de todos os dereitos reavivase o vello discurso. Cando se nos di agora que o idioma debe estar presente na sociedade “sen imposicións” estanse activando os dogmas neofranquistas que cuestionan tamén o dereito á saúde, á folga ou ao aborto.Se alguén pretende que a única versión tolerable dos dereitos é a que permite suspendelos alí onde lle praza, o que está pedindo é a súa abolición. A oficialidade dun idioma consagra, sen máis, a súa presenza pública. Igualmente calquera pode reivindicarse racista ou machista, pero un centro universitario nunca pode limitar o acceso ás persoas que non sexan homes e brancos amparándose en que a obriga de admitilos sería unha imposición.Desenmascaremos, outra vez, as palabras do totalitarismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario