Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 7 de outubro de 2012

Lusofonía vs. cancro: notas sobre unha campaña da Xunta

A Xunta de Galicia vén de publicitar unha campaña, 'O galego, chave para os teus negocios no mundo' na que aparentemente fai unha aposta pola lusofonía pero que en realidade é só unha campaña de autopromoción e lavado de cara da propia Xunta. Explicaranse as razóns de por que isto é así fundamentándose en tres bases. A primeira consiste en que calquera acción política aillada e de pouca profundidade é tamén completamente inútil agás que como neste caso só se pretenda dar unha pátina propagandística de galeguismo a unha Xunta profundamente anti-galega. A segunda pasa por analizar a evidencia da repulsión a toda aproximación galego-portuguesa. A terceira consiste en tomar en conta cal é a realidade da normalización do comercio e a empresa en Galicia.
Os asinantes da iniciativa son a Xunta e a FEGAPE (Federación Gallega de Parques Empresariales), unha entidade que mantén un web e unha revista exclusivamente en castelán (esta última ademais, parece un boletín propagandístico do PP, basta con botarlle un ollos ás portadas) . Sospeitosamente dúas semanas antes da campaña aparece a primeira anotación en galego no seu portal. Isto fainos recordar o caso do semanario 'Terras de Santiago', unha publicación do grupo ao que pertence 'El Correo Gallego' que asinou un acordo coa SXPL asegurando un incremento da presenza do galego nesa publicación. Foi certo... durante un mes. Pasados os efectos do anuncio co que a SXPL se colgaba unha medalla no avance da normalización, 'Terras de Santiago' volvía aos niveis de uso do galego anteriores. Eu estou por apostar que sen tardar moito o web da FEGAPE volverá ao rego da exclusividade do castelán. Daquela comprobaremos o que xa se enxerga hoxe con completa claridade: a absoluta inutilidade e ineficacia da campaña da Xunta.
A campaña 'O galego, chave para os teus negocios no mundo' non se substenta en ningunha outra actuación. Pretendidamente é unha man aberta á lusofonía... pero onde están as medidas da Xunta de achegamento á lingua irmá? Onde se promocionou o ensino do portugués? Hai unha chea de profesores de ensino medio preparados para impartilo pero o portugués fica prácticamente excluído dos plans de estudo. En Estremadura hai 10.000 estudantes de portugués, promociónase o seu estudo mesmo con anuncios insitucionais, poténcianse programas educativos que se emiten na televisión autonómica,... Aquí non vimos nada diso. Pola contra, en Galicia vivimos de costas a Portugal e sobre todo de costas ao portugués. Ensínasenos a desprezalo e minusvaloralo. Aprendéronos que cando imos á feira a Valença, debemos falar en español pois Valença fica fóra de España. Trátase dun programa ideolóxico que nos destrúe como galegos pero que é coherente co centralismo que defende a imposición do español ou o que é o mesmo, a aniquilación do galego.
A hipocrisía da Xunta non ten cancelas. Como se pode pretender galeguizar o comercio exterior cando só se deron pasos atrás no comercio en Galicia? O goberno desta lexislatura aprobou a Lei do Comercio Interior sen incluir ningunha disposición para a normalización. Isto é unha clara porta pechada para a promoción do uso do galego. En Cataluña garántese que o consumidor ten dereito a recibir toda a información sobre o consumo en catalán, as cartas dos restaurantes deben estar en catalán, as empresas subvencionadas deben usar o catalán na rotulación e anuncios. Tamén deben estar en catalán os anuncios de restricción de venda de bebidas alcohólicas, os dos centros de bronceado, das tintorerías, das axencias de viaxes, as facturas dos servizos a domicilio,... Alén disto a Confederació de Comerç de Catalunya mantén un programa, 'Oberts al catalá', que promociona o comercio en catalán con campañas, convenios, guías, códigos de boas prácticas,... Algo semellante á iniciativa 'Abertos ao galego' que A Mesa está intentando poñer en marcha... sen que en ningún momento a Xunta dera o paso para apoiar e tutelar a iniciativa.
Temos pois un goberno que non apoia as iniciativas normalizadoras no comercio interior, non establece leis que apoien este tipo de medidas, non xestiona proxectos de ensino do portugués, reduce e estigmatiza o ensino en galego, non programa actividades de achegamento á lusofonía. Entón, que sentido ten a campaña 'O galego, chave para os teus negocios no mundo'?

Seguramente estes días chegarán aos parques empresariais os 1500 carteis e os 10.000 folletos da campaña  e nun par de semanas, se non antes, estarán nas papeleiras das oficinas deses mesmos parques empresariais. O obxectivo está cumprido: preséntase ante a opinión pública a un goberno como defensor da lingua galega cando en realidade é o seu maior cancro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario