Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 17 de outubro de 2012

Mentiráns e lingüicidas

Pasáraseme no seu dia este artigo. Como é habitual no autor, claro, sistemático e imprescindible. Así que non podía deixalo pasar. Lembramos así o escuro asunto no que a Xunta quixo pasar por ser quen conseguiu que o Twiter comenzara o seu proceso de tradución ao galego. Por Xavier Gómez Guinovart en Terra e Tempo:

O Twitter falará galego grazas á iniciativa de Carlos García Vieito secundada por milleiros de seguidores e ao traballo de centos de tradutores voluntarios

A lexislatura de Feijóo pasará á historia pola súa política lingüística nefasta para o galego. Abonda lembrar algúns dos seus fitos para calibrar en toda a súa amplitude os seus obxectivos exterminadores: supresión do exame obrigatorio en galego nas oposicións á función pública; cancelación das galescolas; recortes nas subvencións para os medios en galego, para as traducións en galego, para a promoción da lingua galega nas escolas, para as industrias culturais en galego, para os equipos de normalización lingüística; continuas deturpacións da toponimia galega e ameazas de modificación da Lei de Normalización Lingüística para legalizar a toponimia traducida ao español; e, talvez a medida máis drasticamente lingüicida, aplicación do decreto sobre o uso das linguas no ensino que fai que o 90% dos nenos nas cidades sexan escolarizados en español, que menos dun 25% das aulas se impartan en galego, que desapareza o galego da educación infantil e que se prohiba a docencia en galego das materias de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química.

Un completo catálogo dos métodos expeditivos e radicais aplicados na demolición da lingua propia desde a ideoloxía lingüística españoleira e antigalega que caracterizou o paso de Feijóo polo goberno nestes tres anos e medio. Se de algo se pode gabar o goberno saínte, é precisamente da sistematicidade científica dos seus ataques contra a lingua, da medida precisión das súas actuacións lingüicidas nos eidos do ensino, dos medios, da administración, da xustiza e da cultura; da consolidación dunha situación aterrecedora de substitución lingüística que vai custar moito poder corrixir e reverter en prol do noso idioma.
Porén, estamos en eleccións e, para o partido que se despide do goberno, todo vale. A última mentira coa que pretenden engaiolar á poboación desinformada é a de presentarse como responsábeis da tradución ao galego do Twitter. Nun comunicado de prensa pasmoso que vai ficar como modelo vergoñento da manipulación informativa nas escolas de xornalismo do país, a Consellaría de Cultura afirma solemnemente en titulares que "o Twitter falará en galego grazas a una campaña respaldada pola Xunta de Galicia". Non cómpre ser moi mal pensado para detectar que o subtexto que nos queren coar é que "o Twitter falará en galego grazas á Xunta de Galicia", unha mentira das grosas que pretenden deslizar con sutileza de diversos xeitos e por diversos medios, tentando que pola vía da repetición a súa media mentira se converta nunha falsa "verdade" que lles poida dar algún rédito electoral.

O Twitter falará galego, é verdade, mais abofé que non será por obra da Xunta, como xa denunciou no seu momento a Mesa pola Normalización Lingüística. A iniciativa real que motivou que Twitter aceptase pór en marcha a tradución ao galego desta rede social arrincou o 7 de maio de 2011 da man de Carlos García Vieito, estudante de Ciencias Políticas na USC, coa creación da conta de @tweet_en_galego en Twitter e o inicio dunha campaña con este obxectivo que logrou xuntar máis de 30.000 seguidores, acadou diversos temas do momento como o de #TwitterQuereGalego e motivou unha solicitude masiva de peticións de tradución por parte dos usuarios desta rede dirixidas vía formulario á conta de @translator, responsábel do seu departamento de tradución, quen explica ben clariño o proceso de adopción dunha nova lingua por Twitter: "New languages are added when we receive enough requests!".

Paralelamente á exitosa campaña de @tweet_en_galego, en xullo de 2012, Ian Vázquez Rowe, alumno tamén da USC, iniciaba unha recollida de sinaturas en change.org para solicitar o Twitter en galego que acadou unhas 3.000 sinaturas. A iniciativa puido ser ben intencionada, pero ao non se canalizar polas canles esixidas por Twitter, non tivo probabelmente ningunha repercusión na decisión final tomada por esta empresa. A finais de xullo, Anxo Lorenzo (secretario xeral de Cultura), Valentín García (secretario xeral de Política Lingüística) e Mar Pereira (directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) deron unha rolda de prensa para manifestar verbalmente e con clara vontade propagandística o seu apoio á petición de Ian Vázquez, convocando para a foto ao escritor Xosé Neira Vilas e ao propio impulsor desta iniciativa. Todo o mérito dos convocantes foi, logo, o da obtención dunha instantánea a custo cero para tratar de maquillar descaradamente o seu total desinterese na recuperación lingüística do galego. Na feira de Mentiráns, unha cadela con pitos e unha galiña con cans!.

Ningún comentario:

Publicar un comentario