Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 4 de abril de 2014

Ikea, My Love

por Marica Campo, en Terra e Tempo:

O galego non existe para eles, aínda tendo unha tenda en Galiza
Malia prometerme a min mesma, despois da primeira visita, non volver por Ikea, circunstancias que non veñen ao caso leváronme de novo ás instalacións que esta multinacional sueca posúe na Coruña. O itinerario, que ten que ser percorrido na súa totalidade velis nolis, é un labirinto no que nos perderíamos se non fose pola frecha que sinala o camiño. Que non nos extraviemos non é o obxectivo principal, o que se pretende é que pasemos por todas as seccións para que, a ser posíbel, caiamos na tentación de mercar mesmo cousas que non precisamos. As autoridades sanitarias deberían advertir de que este tipo de establecementos son potencialmente perigosos para a saúde, nomeadamente para persoas que padezan claustrofobia ou ansiedade. Mais non é diso do que quero falar.

Tampouco non me vou referir á conveniencia ou non de mercar nestas áreas, aínda que non se pode negar que os prezos son moi persuasivos. Madía leva, o persoal sáelles barato porque apenas hai quen axude na localización dos obxectos; e a man de obra, polo que aos mobles se refire, tamén é a imprescindíbel xa que somos as persoas que os levamos as que temos que rematar o ciclo produtivo armándoos na casa. Supoño que isto é un atractivo máis para a xente nova, principal clientela desta firma. Veríame moi contestada seguramente se explicase que, algo tan inocente como mercar bonito e barato, repercute moi negativamente na economía do noso país. O peche de carpintarías, tendas de mobles, bazares ou ferraxerías é consecuencia directa, xunto con outras causas, desta competencia difícil de atallar. Así, ao mesmo tempo que nos beneficiamos, cegamos os camiños que poderían levar á creación de postos de traballo porque rematamos con ese mundo de sinerxías que moven a economía.

Despois deste longo preámbulo, vou ao asunto que me move a escribir este artigo: a cuestión lingüística, a consideración que o galego ten para Ikea.

Unha chamada ao número de atención ao cliente para reservar un produto devolveunos, en castelán, esa voz impersoal que ofrece distintas opcións idiomáticas con só pulsar un número. Velaí as posibilidades: español, catalán, euskera e inglés. O galego non existe para eles, aínda tendo unha tenda en Galiza. Nin sequera se lles pasou pola cabeza incluír o portugués, cousa ben xustificada por teren tamén tendas no país veciño e por formar Portugal parte da península. Porén, segue a cumprirse aquilo de que Roma non paga a traidores, e os traidores somos nós, os primeiros a renegar da lingua que nos debería definir e cuxos dereitos reivindicamos poucas veces.

Sería inxusto atribuírlle unicamente a Ikea este desprezo. Sen ir máis lonxe, teño un amigo que recibe aquí a correspondencia do BBVA en catalán porque non ten a oportunidade de escoller o galego. Por suposto que entendería tamén o español, mais é un xeito de protestar pola clara discriminación que se nos fai.

Non discuto o carácter de lingua franca que adquiriu o inglés, mais é vergoñenta a ignorancia que xentes da comunicación teñen sobre outras linguas que nos son próximas. Seríalles tan difícil adquirir uns rudimentos de lectura de francés e portugués, por exemplo? Un día destes escoiteille a unha locutora referirse a unhas inundacións que tiveron lugar en Porto Velho, un municipio do Brasil, como Porto “Velo”. Posibelmente moitos ouvintes pensarían en Porto Belo, tamén do Brasil, cambiando o vello polo fermoso, porque o portugués ficaba moi lonxe para a que lía a noticia. E, ao fío disto, venme tamén á memoria un xornalista da galega a comentar un libro de Xosé Miranda, Pel de lobo, dicindo que trataba do mito do lobishome e pronunciando ‘home’ á inglesa, como se se referise a ‘casa’.

A frecha pintada no piso de Ikea, esa que marca un único itinerario do que non se nos permite saír se queremos atopar a saída, ben pode ser a metáfora do que está a acontecer coa lingua de noso. Porén, eu xuraría que Galiza, se quere atopar o seu camiño, ten que ignorar a frecha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario