Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 9 de maio de 2015

5 de Maio, Día do Fariseísmo

por Ana Pontón, no Sermos Galiza:

O 5 de Maio debía instituírse como Día do Fariseísmo. Nesta data, no Parlamento de Galiza debateuse unha proposición do BNG que só pretendía dotar de rango de lei ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un plan -que con todas as súas virtudes de defectos – constitúe un punto de encontro para avanzar fronte a desfeita do galego. Un Plan, que unha década antes fora aprobado por un Consello da Xunta presidido por Fraga e vicepresidido por Feijóo e, posteriormente, tramitado e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza. Entendíamos no BNG que era un bo punto de partida. O PP que tanto acode ao consenso, tiña oportunidade de retomar o consenso que, por certo, eles sós racharon. Mais rexeitaron a posibilidade de renovar este acordo e votaron en contra non só do Plan, senón de si mesmos.

O máis triste, comprobar que a demagoxia e a mentira están instaladas no PP e non teñen escrúpulos nin principios. Así, tivemos que escoitar que o Plan Xeral de Normalización Lingüística é “un artefacto nacionalista” ou unha forma “de imposición do galego”. Se tiveran vergoña, enrrubiarían. Mais todo o contrario, continúan coa política de demolición de calquera xesto ou paso que dea alento a nosa lingua.

Mais nós temos forza para continuar. Porque sabemos que pequenas cousas poden mudar o rumbo da historia. Tomemos como exemplo a rebeldía de mulleres como Rosa Parks que un 1 de decembro de 1955 negouse a ceder o seu asento a un home branco. Rosa Parks, afroamericana, costureira e activista da Asemblea Nacional para o Avance do pobo de Cor negábase a aceptar unha lei segregacionista e humillante. A súa dignidade supúxolle ser detida. Mais o seu xesto foi todo un símbolo contra a apartheid.

Nós, ao igual que Rosa Parks, defendemos dignidade e igualdade. Defendemos que o galego deixe de viaxar na parte de atrás do autobús. Defendemos políticas que rematen coa discriminación e a marxinación. Defendemos igualdade para o galego, dereitos e a fin dunha política necia e antigalega que nos leva ao precipicio. En definitiva, defendemos para o galego os mesmos atributos e dereitos que calquera lingua.
Feijóo e o PP demostraron – mais unha vez- que son especialista en dinamitar acordos. Especialistas en facer sempre o contrario do que din. Son os reis do fariseísmo contemporáneo. O triste é que o custe é moi elevado. A nosa lingua esmorece. Un de cada catro mozos e mozas menores de quince anos afirman non saber falar en galego. Mais o PP nega a realidade e persiste nun argumentario mentireiro e falsificador da realidade. Mais nós seguiremos erguendo a bandeira que defende a lingua galega. Pois como ben di o noso poeta nacional, Manuel María, A lingua somos nós/ a xente e máis a fala/ se busca a Galiza/ en ti tes que atopala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario