Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 12 de maio de 2015

Declaración conxunta dos Departamentos de Galego do SUG

Con esta Declaración conxunta os Departamentos de Galego do Sistema Universitario Galego demostran que non viven nunha xaula de cristal e comparten a súa preocupación polo ataque continuado á lingua galega practicado desde a Xunta. A declaración pode consultarse tamén en Galiciencia:

Os Departamentos de Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo) son as principais institucións universitarias con responsabilidade docente e investigadora no ámbito estratéxico dos estudos galegos no país. Somos, desde hai case medio século, as entidades encargadas da formación de sectores imprescindíbeis nunha sociedade galega democrática: o persoal investigador en estudos galegos; o profesorado de Lingua e Literatura Galegas nos seus diferentes niveis educativos; moitas mulleres e homes que traballan na industria cultural e nos medios de comunicación en galego; moitas creadoras e creadores que hoxe son de recoñecido prestixio; intelectuais, axentes culturais e persoal laboral que sustentan xa e terán que sustentar no futuro non só as grandes e pequenas institucións culturais mais tamén as empresas relacionadas. É da nosa responsabilidade velarmos por que as futuras xeracións de tituladas e titulados, amplamente formadas, poidan continuar a ofrecer a súa contribución ao futuro da sociedade galega nun contexto globalizado, onde quen amosar unha condición ben articulada entre o global e o local vai dispor dunha estratéxica posición de vantaxe de incalculábel valor.
Por iso mesmo, tendo en conta os diferentes datos estatísticos recentemente publicados sobre o uso e transmisión da lingua galega e o panorama social e político do país no último lustro, vémonos na obriga de mostrar a nosa profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas. Confirmouse, por exemplo, que o nivel de uso efectivo da lingua propia do país retrocedeu de forma alarmante nas xeracións máis novas, o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria. A isto acrecéntase a preocupante redución de persoal e a drástica e alarmante diminución de investimentos en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada, por non falarmos do recuamento da lingua galega na administración pública (incluíndo as propias universidades) e no sector privado.
Estas e outras circunstancias ameazantes para a lingua e cultura propias do país derivan, ao noso ver, en primeiro lugar e en grande parte, da falta de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004 por unanimidade e, en segundo lugar e de forma subseguinte, dos efectos contraproducentes do Decreto denominado (aínda que de forma academicamente incorrecta) ‘de plurilingüismo’, do ano 2010.A sociedade galega actual, querendo preservar a súa identidade histórica e proxectarse asemade no futuro, forzosamente terá que se transformar en sociedade de información competitiva nun contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver os seus trazos inherentes. O primeiro deles é a súa lingua propia, que é patrimonio e debera ser orgullo de todas as galegas e galegos sen excepción e que, ao tempo que nos singulariza cunha identidade milenaria, nos permite acceder facilmente a un universo de 276 millóns de falantes en 27 países e á quinta parte de toda a internet.A lingua galega ábrenos ao mundo, sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe un valor económico duradeiro e de extraordinaria relevancia. Mais, para podermos tirar proveito desas vantaxes e seguir sendo donos da nosa identidade, os poderes políticos teñen que actuar con afouteza e apostar decididamente pola normalización lingüística, emendando todo o que for preciso a liña de actuación política nesta materia e cumprindo as súas obrigas legais.

As universidades amosan "preocupación" polo futuro da lingua e esixen que se cumpra a lei, 11/05/15, Praza Pública

Ningún comentario:

Publicar un comentario