Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 19 de maio de 2015

Lingua e sentidiño común

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:


No sentimento xeralizado dunha ampla maioría o galego é unha lingua sentida como propria e aprezada como parte do legado trasmitido polos nosos devanceiros (como dicía Celso Emilio Ferreiro polos “abós que temos mortos”). Algúns quererán moito máis pulo normalizador e outros seica non perceban tan urxente unha actuación política decidida. Mais só unha moi pequena minoría olla ao galego como algo alleo, inconveniente ou, máis aínda, rexeitan a nosa lingua.

Xa que logo, habería existir un ambiente axeitado para acadar un amplo acordo sobre as políticas públicas a desenvolver a respecto do galego, como existe en Quebec ou en Catalunya. Mais, para a nosa desgraza, Feijoo decidiu introducir o galego na liorta partidista por unha presa de votos, cando non existía problema ningún. E, xa no Goberno, aprobou un Decreto de ensino que supuxo o práctico veto para o galego na aprendizaxe das Ciencias e na Educación infantil, mesmo fronte porcentaxes moi amplos de pais e nais das cidades que queren galego para os seus fillos na escola infantil e non o atopan.
Os sinais de alarma están a chegar ao conxunto da sociedade galega, cunha xuventude que abandona o uso da nosa lingua malia querela e valorala. Velaí que cumpra o meirainde consenso para arrincarmos o galego da loita partidaria e aprobarmos unha normativa de ensino baseada nunha inmersión tranquila que garanta que o alunado saia do ensino obrigatorio cun nível oral e lectoescrito abondo para manexar a lingua como propia.


Ademáis, cumpriría afortalar este consenso na sociedade civil para dinamizar o galego da mán dos axentes sociais, nomeadamente nos ámbitos da sanidade, da empresa, da administración de xustiza e na publicidade. E, sen entrarmos a curto prazo en lameiras normativas, usar da Iniciativa Lexislativa Popular “Valentín Paz Andrade”, de unánime aprobación parlamentaria, para dar nunha xeración ese grande achegamento ao mundo da lusofonía que partillan máis de 260 millóns de persoas e que supón, ao tempo, tantas posibilidades de negocio.
O galego non é un problema. É un sinal de identidade que vai no noso ADN que nos permite contar o relato do mundo cos nosos ollos e que nos fai máis cultos e atractivos, ademáis de nos abrir portas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario