Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 10 de maio de 2015

Sen Plan

No ano 2004 todo o parlamento ofrecera o seu apoio ao  Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), un proxecto de consenso que debería ser a guía da política lingüística da Xunta de Galicia. Esta semana o BNG propuxo elevar a rango de lei ese PXNL. A proposta foi rexeitada polo PP co argumento de querer rachar o consenso sobre a lingua. Un xa comenza a dubidar do significado da palabra consenso.
Con este rexeitamento na man poderemos avaliar con mellor coñecemento e perspectiva cal vai ser o resultado do novo invento da SXPL, o chamado Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020. Se pasamos o traballo de o consultar o anuncio do que se pretende con esta inicitiva veremos que non é outra cousa que a reedición das medidas do sector 4 (económico) do PXNL. Visto que o PP no parlamento se negou a asumir a elevación a rango de lei o propio PXNL, podemos entender en que vai consistir ese presunto Plan de dinamización no tecido económico. Trátase únicamente de dar unha imaxe de apoio á lingua galega por parte do partido de goberno. Veremos como se divulga e publicita o Plan pero non chegaremos a ver unha aposta efectiva no camiño da normalización. Se en máis de dez anos a Xunta non materializou ningunha proposta decidida para que o galego aumentara a súa presenza no ámbito económico, se nos últimos seis anos non se fixo outro cousa que provomer desde as Administracións a exclusión das linguas minorizadas en todos os ámbitos, se agora o PP rexeita que a letra do PXNL se volva lei, non podemos esperar que comence a chover o maná onde nunca caeu unha pinga de auga. Seguimos sen Plan, e seguiremos ermos tamén no eido económico. Só os radicais e os idiotas poden acreditar noutra cousa.

NOTA: os medios con máis implantación apenas trataron a noticia.

Máis información sobre o tema

  • Pleno do día 05/05/15, web do Parlamento
  • O PP repudia dar rango de lei á normalización do galego, 05/05/15, Sermos Galiza
  • O PP excúlpase da ruptura do consenso lingüístico, 05/05/15, Praza Pública
  • O BNG pide elevar a rango de Lei o Plan de Normalización da Lingua galega, web do BNG
  • 5 de Maio, Día do Fariseísmo, 06/05/15, artigo de Ana Pontón no Sermos Galiza
  • Intervención de Ana Pontón (BNG) no debate da proposta para facer lei da letra do consensuado PXNL:




  • Intervención nese mesmo pleno de Chelo Martínez (Anova Irmandade Nacionalista)


Nos webs doutros partidos non atopei información sobre este tema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario