Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 20 de maio de 2015

Valentín García e o seu programa electoral

Imaxe tomada da campaña electoral do PP da Estrada
Valentín García, é o secretario xeral de política lingüística. Tamén é o primeiro suplente na candidatura do PP da Estrada ás vindeiras eleccións municipais. Isto debería ser garantía de que o programa electoral desta formación deba ter unha referencia significada da política lingüística municipal. Non debemos esquecer que Valentín ocupaba a praza de responsable do SNL do concello antes de acceder ao seu novo posto na Xunta. Incluso máis, Valentín García foi no período 1996-2002 presidente da CTNL,  entidade constituída arredor dos traballadores da normalización lingüística para a mellora do traballo neste eido. Pois ben, de consultarmos o programa electoral do PP da Estrada levaremos unha enorme decepción xa que non hai ningunha referencia á normalización lingüística.
O PP estradense avanza 200 medidas en 11 bloques temáticos. Ningún deses bloques está adicado á lingua, e de consultarmos ese par de centos de medidas quedaríamos nas mesmas. Sendo moi xenerosos poderiamos apuntar unha mención tanxencial:
Continuaremos apoiando a celebración anual dos certames de novela, poesía, teatro e xornalismo coa finalidade de posicionar á Estrada no conxunto de Galicia como a “Capital das letras”.
Na Estrada outórganse os premios García Barros (de novela), Avelina Valladares (de poesía), o Varela Buxán (de teatro) e o Reimóndez Portela (de xornalismo). Todos eles son premios para obras en galego e todos teñen a súa importancia no labor de dignificación do uso da lingua. Porén no programa do PP non hai ningunha referencia a este obxectivo, fundamental na creación de todos eses premios. Faise unha referencia, por elevación, a unha idea inexistente, a "Capital das letras", ocultándose que o fundamental é, ou debería ser, a revalorización social do galego.

A Rede de Dinamización Lingüística
Como evidencia de que para o PP a política lingüística fica fóra da súa órbita de actuación e pensamento, chegará con recordar que no seu programa de goberno non hai ningunha referencia á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), o proxecto estrela dos últimos anos da SXPL no ámbito local. O presidente da Xunta Directiva da RDL é Valentín García. Esta Xunta Directiva está formada por outros dous membros, un deles é José López, o candidato a revalidar a alcaldía estradense polo PP. En conclusión, José López e Valentín García son a maioría da Xunta Directiva da RDL e no programa do PP da Estrada non hai ningunha referencia á RDL. Quizais unha mostra do fracaso deste proxecto?

Nin SNL, nin Plan Municipal de Normalización.
Chegados a este punto a ninguén lle pode chamar a atención que entre esas 200 propostas do PP estradense non haxa tampouco referencia algunha ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do concello, área que contou durante moitos anos co asesoramento de Valentín García. A pesar disto non hai ningún Plan Municipal para o desenvolvemento das política lingüística municipal. Sendo isto así, que podemos esperar da política lingüística a desenvolver pola SXPL?
Hai moitos aspectos que un Plan Municipal de Normalización nun concello de certa entidade como o da Estrada, debería ter en conta para o seu desenvolvemento. Nos dous últimos cursos escolares e por iniciativa do Concello, realizáronse actividades conxuntas cos ENDL dos centros escolares do municipio, pero ninguén se acorda de darlle continuidades desde os programas electorais. Pola contra o Concello tamén se destacou na última lexislatura por poñerse ao servizo das directrices máis radicais en materia de lingua ao vetar durante dous anos a celebración do Correlingua (e poñendo moitos atrancos á celebración deste ano). Desde hai moito tempo está en funcionamento unha gardería municipal cuxa traxectoria non é precisamente exemplar como transmisora da lingua galega;  a biblioteca municipal non programou en décadas de existencia ningunha actividade de promoción da lingua galega, incluso hoxe podemos ver unha nota en español (exclusivamente)  nas súas antigas dependencias informando do seu recente cambio de dirección.Tampouco nunca houbo ningún tipo de preocupación por dotar de material en galego á Escola Municipal de Música, nin de propiciar que se desenvolvera o ensino en galego. Desde o Concello non se garante que os contratos con empresas que presten algún tipo de servizo o fagan en galego. Houbo anos nos que se programaron actividades polas Letras Galegas, e anos nos que non. E isto é política seria ou unha verdadeira trapallada?
Despois de escoitar ao secretario xeral na entrevista que lle fixeron no  de Irmandade.tv xustificando o negacionismo de Carlos Negreira en virtude das características sociolingüísticas da Coruña e despois de ver os vídeos electorais do PP estradense, entenderemos que a verdadeira misión de Valentín García non é a de tirar polo camiño da normalización, senón máis ben de actuar de comisario político obediente ás férreas e antigalegas directrices do seu partido. Cando recibiu o nomeamento de secretario xeral de política lingüística un xa ventaba que isto ía ser así e desafortunadamente estaba no certo: a lingua galega anda tirada nos contedores de lixo da Estrada.

Nota final
Fronte a quen pense en criticar esta entrada aventurando que os outros partidos que presentan candidaturas á alcaldía estradense tampouco fan referencia a estes puntos aquí comentados voulles dar a razón e máis non xa que se ben é certo que o PSOE e Móvete  tampouco tiveron en conta para nada a posibilidade de aplicar unha política lingüística innovadora e normalizadora desde as posibilidades que ofrece o goberno local, ou se a agrupación A Estrada Pode presentou un programa vergoñento xa desde a propia redacción nun chapurreo intragable. Pola contra o BNG presenta unha serie de pùntos programáticos que ocupan boa parte do seu programa electoral e que marcan a boa dirección que deberían seguir as outras formacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario