Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 29 de decembro de 2015

Talasonimia no LGx15



O pasado 25 de novembro 6 persoas fixeron realidade unha festa da normalización na sala Capitol de Santiago. Foi o encontro LGx15, argallado pola Cooridnadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL). A cousa debeu ser digna de ver. Para aqueles que non puidemos achegarnos a este festival, queda por aquí esta peza da intervención do arqueólogo, investigador e destacado membro do Insituto de Estudos Miñoranos. Escoitalo falar dos topónimos do mar é toda unha ledicia. Quizais a calidade e formato do vídeo non sexan os máis acaíados pero poden servirnos para dúas cousas. A primeira, xa comentada, darnos unha idea da calidade do encontro LGx15, unha idea fantástica que por unha vez fai algo do que estamos moi necesitados: ligar normalización coa actividade festiva. A outra pode pode ser que nos desperte o interese polo coñecemento da talasonimia, da que Xosé Lois Vilar non só é un experto, senón un excelente divulgador. De ser este o caso, vai un segundo vídeo, ideal para ver con vagar nestas xornadas do nadal e alonxarnos do abrouxamento comercial que nos cerca.


domingo, 27 de decembro de 2015

Gres, unha aldea galega e Neira Vilas o seu historiador

por Felipe Senén López Gómez, en Terra e Tempo:


Xa imos botando de menos as chamadas mañanceiras de Pepe Neira. Facíaas despois do ritual do almorzo, entre libros, e de ler os periódicos. Comentábanos mortes, premios, os seus andares do día anterior, o derradeiro artigo agasallando novas publicacións, efemérides, homenaxes, os logros e o que se perde. E sempre a conversa desembocaba na inxuria e rudo encono cometido coas “industrias da memoria”, coa teoría e a obra de Luis Seoane e Díaz Pardo no “Castro”, en “Sargadelos”, sen entenderse a misión normalizadora, de ética e estética, o florecer da semente do Seminario de Estudos Galegos a través da teoría e da praxe do “Laboratorio de Formas”, un lugar para a reflexión do idioma das formas de Galiza, a creatividade, o deseño, a moda, comezando polos cacharros de uso... a construír Galiza.

sábado, 26 de decembro de 2015

Un poema para cada día no ano de Manuel María



Desde a Biblioteca do IES Lama das Quendas de Chantada propoñen esta orixinal forma de celebrar durante todo o 2016 un ano de poesía, gravando cada día un poema de Manuel María.
Televinte, a canle de televisión local, fíxolle este vídeo que pode ser unha moi boa promoción do proxecto. Ademais Televinte está disposta a colaborar nesta gorentosa idea. Parabéns pola iniciativa.

xoves, 24 de decembro de 2015

Nadal vs. nada

Web da CGENDL adicada ao nadal
Cando se achegan as datas do nadal póñense en movemento unha serie de iniciativas normalizadoras que teñen por obxectivo galeguizar todo o que se move arredor destas festas. A cousa non é fácil xa que o nivel de afastamento da lingua, especialmente no mundo comercial, é cada vez maior. Con todo, nin a CGENDL, nin A Mesa, nin a CTNL deixan de achegarnos novas propostas todos os anos.
A Coordinadora Galega de ENDL volveu a traernos a súa recompilación de recursos para celebrarmos o nadal en galego: cancións, contos, refrán, concursos,.... unha chea de materiais para usar e divulgar desde as aulas.
A iniciativa Abertos ao galego, promovida pola Mesa, achéganos un ano tras outro unha boa monlla de oportunidades para margullarse nun consumo responsable coa nosa lingua:



Pola súa parte a CTNL ten en funcionamento unha proposta ben intersante, unha plataforma virtual chea de posibilidades de compra en galego. Trátase de Agasallo.eu, que este ano mesmo ofrece a posibilidade de crearmos un catálogo personalizado como este que fixen eu collendo algúns produtos ao chou.



De todo este panorama o máis rechamante é a enorme ausencia da Xunta. A Dirección Xeral de Comercio está muda fronte a todas estas iniciativas. Pola súa banda non existe ningunha campaña, ningún tipo de acción que intente tinxir de galego un sector, o comercial,  que se desenvolve fóra dos prarámetros normalizadores (nota aparte: significativamente a Xunta eliminou toda referencia á normalización de toda a súa política).
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)  anunciou no primeiro trimestre deste ano que se estaba a desenvolver un presunto Plan de dinamización (non de normalización) da lingua galega no tecido económico. Polo que podemos comprobar, a cousa quedouse en presunto. De consultarmos as novas dos dous últimos meses do propio portal da SXPL, non veremos nin unha soa referencia a este (insisto) presunto Plan. Se o contas por aí fóra non cho cren. O certo é que a Xunta non fixo nada para impulsar  este nadal o comercio en galego. Pero é que tampouco o fixo o nadal anterior, nin o outro, ... e así durante todos os anos de goberno de Feijóo.

luns, 21 de decembro de 2015

Erros e tánatos

Calquer momento sería bo para recomendar o libro de Gonzalo Navaza, Erros e tánatos, mais a cousa desta entrada non vai por aí.
Extracto da tarxeta, vía A Mesa
Foi A Mesa quen denunciou hai uns poucos días o envio dunha tarxeta de felicitación de nadal do "Jefe Territorial de la Coruña", Indalecio Cabana Leira, delegado responsable da áreas de política cultural e lingüística da provincia da Coruña.
Marcos Maceiras, o presidente da Mesa pediu a demisión do xefe territorial polo desprezo á lingua e ás súas obrigas.
Ata o momento da redacción desta entrada non se sabe nada. Supoño que no caso de que se dera algunha resposta a esta xusta reclamación, teremos que escoitar outra vez iso de que "foi un erro" e que non lle hai que dar máis voltas. Curiosamente os erros caen sempre en contra do galego.


O outro caso que pasamos a comentar é o do cartel que anunciaba unha "Cena Popular" organizada polo grupo de En Marea de Fisterra. Cambia a cor pero o asunto é esencialmente o mesmo. Cando o vin pensei que era un fake, e estiven por non facerlle caso. Pero lembrei o caso dunha convocatoria dun Círculo de Podemos na Estrada, e ao volver a remexer nesta convocatoria das Mareas de Fisterra, vin confirmado que se trataba dun cartel real.
Anunciábase a intervención da "Responsable del Mundo Rural" e do "Portavoz Círculo AGPA. Miembro del Consejo Rural Estatal", ambos os dous de Podemos.
"Acude y vota por el Cambio". Será que pedían o cambio da lingua de Fisterra pola de Aranjuez.
Seica retiraron estes carteis e colocaron no seu lugar outros, desta vez en galego. Debeu ser un erro. Outro.
Resulta que estes erros teñen na súa xenética algo en común. Ben sexa por desprezo, ben por desleixo, pouco importa a razón pola que o fan, todos encerran o proxecto da morte da lingua galega.

domingo, 20 de decembro de 2015

Por que e que da obra de Xosé Neira Vilas

por Ramón Regueira Varela, en Terra e Tempo:


Todas as percepcións xorden dende uns a priori ideolóxicos. A miña visión da obra e da persoa de Xosé Neira Vilas non está ceibe deses “prexuízos”. Quixera que fosen os menos os que se escapasen das miñas verbas e que fose a obxectividade, é dicir, a obra real do homenaxeado a que se fixese presente e non as miñas opinións, mellor ou peor fundadas, as que se amosasen diante de vostedes.

mércores, 16 de decembro de 2015

A política lingüística baixo a luz dos orzamentos

Cando se fala de política lingüistica son moi habituais os recursos demagóxicos. Para evitarmos caer neste tipo de erros non hai mellor medicina que a de aportar datos.
A política lingüística en Galicia está inane.  Isto é mostra do desprezo á lingua galega que está caracterizando aos gobernos de Feijóo. Podémolo demostrar mediante a serie histórica dos orzamentos da da lingua dos últimos anos. Se a principios de século as cantidades asignadas á normalización lingüística representaban algo máis do 0,20% do orzamento total da Xunta, agora non chegan ao 0,07%. Se comparamos o peso do orzamento previsto para o 2016 co do 2012 vemos que houbo unha redución de máis dun70%.
No seguinte gráfico aparece a taxa do orzamento para políticas lingüísticas respecto do total da Xunta para cada ano. Marcáronse en cor azul os anos de goberno do PP e en vermello os do bipartito. Hai un par de columnas coa cor esvaída (2005 e 2009), representándose así anos nos que un goberno tivo que executar un presuposto elaborado por outro de distinto signo político.




Antes de ver o gráfico un pensaría que durante o gobeno bipartito a normalización lingüística vería incrementado o seu peso orzamentario. Pola contra o que se observa é que os níveis orzamentarios continuaron no mesmo rango, incluso cunha tendencia á diminución. Porén non hai punto de comparación entre as políticas de normalización levadas a cabo no período do goberno de Touriño e as de secundarización do período anterior ou as de ataque e exclusión do galego do período posterior.
As maiores reducións relativas vense nos anos 2010-2014. Ao falarmos de redución relativa xa se enxerga que houbo unha decisión consciente e planificada de agravios ao galego. A demostración obsérvase moi claramente no segundo gráfico que pasamos a presentar. Nel, representados en barras aparecen os orzamentos do organismo encargado da política lingüística período 2002-2016. Como estes valores están no mesmo rango que a cincocentasava parte dos orzamentos totais da Xunta, para poder apreciar tamén a súa evolución, represéntanse mediante un polígono de frecuencias.



Os cartos dos que dipuxo a Xunta ata o ano 2010 sempre se foron incrementando pero a SXPL xa sufriu decrecementos importantes nos anos 2009 e especialmente no 2010. Ao ano seguinte, coincidindo coa maior baixada dos orzamentos da Xunta tamén temos a da SXPL, pero coa gran diferenza de que a redución deste segundo organismo é realmente brutal e co agravante engadido de continuarse a redución nos seguintes anos nos que os presupostos comenzan a ter unha leve recuperación. Conclusión clara: a enorme redución de cartos para a normalización non se pode atribuir aos efectos da crise.
Se ata o ano 2008 as liñas do polígono de frecuencias(orzamentos da Xunta dividos por 500) ficaba por debaixo dos valores das barras (orzamentos da SXPL), a partir deste momento as barras caen ata reprentaren só un terzo das alturas acadadas polo polígono de frecuencias. Velaquí, na diferenza entre as alturas de barras e segmentos do período 2010-2016, aparece representado o plan de exterminio de toda política de fomento do uso da lingua galega. Isto explica como é que se eliminaron os SNL dos concellos, ou a redución dun 70% nos orzamentos dos ENDL dos centros escolares, ou a eutanasia que se está a practicar cos cursos Celga.
Mentras se fai isto, mantense un funesto decreto no ensino que prohibe o uso do galego nas materias científicas, establece trabas para o uso do galego, retira e elimina materiais didácticos por estaren redactados en galego, ou desincentiva o emprego do galego nas primeiras etapas. Suprimíronse as liñas de galego. Exterminouse o galego das escolas infantís dos espazos nos que máis compría, nas grandes cidades. Eliminouse a esixencia do coñecemento da lingua galega nas probas de acceso á función pública. Os altos cargos da  Xunta ofrecen continuas mostras de desleixo ao non empregaren en actos oficiais a lingua galega. Tanto desde a Xunta como desde o goberno central fanse toda clase de intentos de substituir un cada vez máis acurralado galego, por un cada vez máis favorecido castelán.
Con este panorama, para que seguir mantendo unha anémica Secretaría Xeral de Política Lingüística? Só hai unha resposta posible. Para pasear aos Bolechas por algunhas das nosas vilas pois a isto, e só a isto ficou reducida a política lingüística positiva nos últimos sete anos.

martes, 15 de decembro de 2015

De blogues48

Da Wikipedia

  • Obradoiro de ciencia e radio a cargo de Manuel Vicente, 30/11/15, no larchán do cotarelo
  • Son curtas: Xogo de nenos, 01/12/15, en Son de noso
  • Os nenos que falaban galego…, 02/12/15, por Manuel Arca Castro,  en Derrubando Isoglosas
  • O día que o coñecín, 03/12/15, no blogue da biblioteca do IES Losada Diéguez, Os retelladores do galiñeiro
  • Aprendendo de Castelao 1, 03/12/15, por Francisco Castro no blogue A canción do náufrago
  • A indución, 05/12/15, por J.J. en Matemática na Rúa
  • Éche así, 07/12/15, por M. Loureiro, en tecnoloxía.org
  • A grella de Cardano, 08/12/15, por Carlos L. Medrano, en Xogos de lingua
  • Unha primavera para Aldara. O vídeo, a entrevista., 09/12/15, no Blog da biblioteca do IES de Porto do Son
  • Desmontando a Sanidade pública: todo atado e ben atado, 10/12/15, por Pablo Vaamonde, no Pavillón de repouso
  • Proxecto Manuel María, 11/12/15, no blogue Escola de Randulfe
  • Reflexión a propósito da morte de Neira Vilas, 11/12/15, por Ana Tubío Rial, no Bico da Ría
  • Proxecto Manuel María, 11/12/15, en Escola Randulfe
  • CONCURSO DE MICROTEXTOS “TERRAS DO UMIA”, 11/12/15, no blogue do ENDL do IES Aquis Celenis, Aquisfala
  • Bases do concurso das minipostais. Os soños do galego, 11/12/15, no blogue O recuncho da mata
  • Triángulos en rectángulos, 11/12/15, por J.J. , en Matemática na Rúa
  • Chegada dos restos de Castelao. A perda da inocencia no relato da transición. 13/12/15, no blogu Acto de primavera
  • Entrevista a Xurxo González: "Estas imaxes certifican a instrumentalización da figura de Castelao", 14/12/15, en Acto de primavera

luns, 14 de decembro de 2015

Grazas e merda


O ano pasado Disquecool tivera a orixinal idea de abrir unha votación durante o Culturgal para buscar a palabra máis odiada da lingua galega. A #verbainfame resultou ser grazas. En segundo lugar quedou merda.
Neste vídeo do Portal das palabras, a lingüista María Pereira explica as razóns polas que debemos dicir grazas, e non gracias. Pensemos noutras palabras patrimoniais que tiveron a mesma evolución desde o latín como preguiza, cobiza ou  presenza. Se comenzamos a desprezar grazas, non tardaremos en acabar dicindo mierda.

venres, 11 de decembro de 2015

Preservar a toponimia

por Pedro García Vidal, en La Voz de Galicia:

Empoleirada sobre o río, aparece ante a nosa mirada a figura dunha pequena aldea co seu entrabado fermosamente estendido pola cumieira dun resistente esporón granítico. O seu nome, Castro Lampreeiro, estanos a falar dunha antiga poboación prerromana que tiña nas augas próximas unha abondosa fonte de vida. Ao fondo, o río Tambre -o Tamaris romano, actor principal na xeografía da ría de Muros-Noia- debuxa o seu tramo final. Cun fluír cansiño que manifesta no serpeante camiñar, os depósitos dos materiais antes transportados dan forma agora a terreos lamacentos como a illa de Meán, na metade do seu curso, ou favorecen a presenza de extensos canavais que colonizan as ribeiras. Voando sobre as augas, como unha fina liña, a mítica Pontenafonso, representa a memoria da umbilical unión pétrea das terras de Outes e de Noia.

En catalá també es de llei. E en galego?



A Generalitat ten aberta unha campaña de normalización no mundo da xustiza da que forman parte testemuñas como as do vídeo. Tamén se destacan sete puntos para romper coas inercias dun ámbito fortemente castelanizado.
1. Os documentos son válidos en catalán, sen necesidade de tradución
2. Os profesionais están preparados para traballar en catalán
3. Podes declarar en catalán e podes facelo en calquera tipo de declaración
4. Dille ao avogado que che represente en catalán
5. Como usuario da administración de xustiza, tes dereito a expresarte en catalán
6. Todos os rexistros están preparados para traballar en catalán
7. Podes solicitar calquer documento público en catalán (compra-venda, testamento,...)

Conviña preguntármonos cantos destes puntos son válidos en Galicia. Tambén estaría ben que nos explicáramos por que a administración galega non fai unha campaña semellante. Non debemos esquecer que desde que o PP entrou no poder, é aínda máis dificultosa a tramitación xudicial en galego xa que o programa que se impuxo na administración de xustiza, o Minerva Nox, está pensado en exclusiva para o seu uso en castelán, sen posibilidade de uso do galego. E xa van alá case 6 anos desde a súa implantación

A interesada estratexia da amabilidade lingüística

por Manuel Cabada, en Terra e Tempo:

Non fai falla abrir moito os ollos ou aguzar os ouvidos para se dar de conta do uso que fan certos políticos da denominada amabilidade ou cortesía lingüísticas para manter o prolongado statu quo da posición subalterna da lingua galega no seu propio territorio de orixe, é dicir, alí onde ela, en cuanto lingua propia do país, debería ter o seu lugar natural e indiscutíbel.

100% Galego

por Borxa Tenreiro, no Sermos Galiza:

Un 5%. Esa era a comisión que eu recibía por cada espazo de publicidade vendido nos meus tempos de redator-tradutor-comercial nunha empresa malagueña, e unha das razóns principais polas que optei por deixar ese traballo e regresar a Galiza. Había outras, claro; o pagamento das horas extras abaixo dos limiares estabelecidos no acordo colectivo de prensa, os incumprimentos dos horarios laborais, as inxustizas que padeceran outros colegas de traballo...

xoves, 10 de decembro de 2015

Unha vídeoconfencia para 109 centros e 6600 alumnos


O pasado 4 de novembro 109 centros escolares, sumando un total de máis de 6600 alumnos participantes, celebrouse o VI Día da Ciencia en Galego coa vídeoconferencia A máquina que constrúe a mente e a realidade, impartida por Xurxo Mariño, profesor da Universidade da Coruña.
Podemos comparar estas cifras coas que nos ofrece a SXPL, quen indica que case 1000 foron os asistentes á actividade de "Contos en Rede", que visitou un total de 30 concellos. Trátase dunha das actividades do FalaRedes, que é o único proxecto en vigor o que estaba chamado a ser proxecto estrela da política lingüística do goberno do Partido Popular, a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e que ficou nun devaluado Bocaberta, programa das mesmas características, que se desenvolveu durante o bipartito. Neste FalaRedes, ao que se destinan uns 800.000 €,  tamén podemos atopar "Os Bolechas na máquina do tempo" que pasou por 40 concellos ou "Os axóuxeres", que visitaron outros 26 concellos, e "Estamos no verán!!!", con 18 actividades realizadas. Entre todas elas, isto é, todo o FalaRedes (ou toda a RDL) suman tantos lugares como aos que chegou a CGENDL cunha soa actividade, a vídeoconferencia do Día da Ciencia en Galego, xornada na que se reivindica o uso do galego nas aulas de ciencias, prohibido por un decreto que defende a SXPL.
Que a vídeoconferencia sexa un éxito é debido á mesma razón pola que o FalaRedes é un fracaso. A actividade da CGENDL está organizada con enstusiasmo e na procura dunha maior implantación do galego, pola contra as actividades programadas pola SXPL nacen coa pexa de que quen as organiza faino únicamente como pantalla para intentar ocultar unha política lingüística radical e agresiva contra o galego.

luns, 7 de decembro de 2015

Voa paxariño




A mesa editou un novo libro dirixido ao público infantil, para potenciar o uso de vocabulario galego, neste caso concreto, o das aves comúns.
As aves, conta con 30 ilustracións de Calros Silvar. O obxectivo é o de aprender, identificar e provocar interese polo mundo das aves nas nenas e nenos. Moi necesitamos estamos deste tipo de publicacións, sabendo que o panorama de exclusión do galego na educación infantil denunciado pola propia Mesa hai ben pouco
A publicación faime recordar un libriño de Héitor Picallo, editado por Edicións Fervenza, Tilirin e os paxaros, que lle gustaba tanto aos meus pequenos que acabou destrozado de tanto repasalo.
Magín Blanco volve a colaborar coa Mesa coa canción Voa paxariño, nesta recreación audiovisual estilo teletubbie.
Velaquí un adianto do que podemos ver neste libriño:

venres, 4 de decembro de 2015

A lonxa de Ribeira, un insulto á lingua galega

O PP de Ribeira demostra acotío o seu desprezo pola lingua galega deturpando o topónimo da cidade de forma obsesiva, comenzando polo portal oficial do concello, pasando pola conta de correo institucional (@riveira.com), ata todas as actas e documentos oficiais que emite a entidade local.
Como mostra desta obstinación temos o cartel das últimas eleccións municipais no que o lema é ben indicativo do que estamos a comentar: "AVante RiVeira". 
Este autoodio acaba reflectido en todas as accións de goberno. Unha das inversións máis custosas levadas a cabo en Ribeira foi o da construción dunha nova lonxa. O orzamento anda polos 15 millóns de euros. Para maior gloria da zunia gobernante, quixeron que o novo edificio fose un emblema da fachenda do insulto á lingua galega pola vía da deturpación do topónimo do concello instalando no exterior da nova lonxa unhas letras de gran tamaño co lema LONXA  DE RIVEIRA. O caso foi denunciado polo BNG, que parece ser o únco grupo municipal interesado no respecto tanto á lingua como á lexislación sobre a toponimia.
Quen ten moita culpa da impunidade da actuación do goberno municpal é a Xunta, especialmente a Secretaría Xeral de Política Lingüística, quen en ningún momento fixo pública ningunha declaración instando ao concello a someterse á Lei de Normalización Lingüística. Visto o caso parece que esta lei é a única que ten a virtude de que pode ser saltada sen consecuencia ningunha.
Finalmente, e grazas a esa denuncia do BNG, Portos acabou ordenando pintar un B sobre o V orixinal que aínda se pode ver impreso sobre a fachada da lonxa. A trapallada quedou así, segundo nos mostra esta foto do xornal La Voz de Galicia:




xoves, 3 de decembro de 2015

Os neofalantes, protagonistas do Día Internacional do Euskera



Cunha campaña de visibilización do euskera, o goberno vasco celebra este ano o Día Internacional do Euskera. Ofrécenlle a rúa aos euskaldun berris,aos neofalantes, que son os que fan que o euskera siga latendo. Esta xornada vese potlenciada porque tamén se celebra o 30 aniversario da promulgación da súa  Lei de Normalización
Entre as accións previas para a celebración realizouse a lectura, en voz alta, dun comunicado no que se pedía que se levara o euskera do corazón aos beizos.
Na campaña destacan que o número de euskaldun berris era de 255.900 persoas, o 36,6% da poboación. Fronte a un 0,5% da poboación euskaldun zahar, isto é, falantes de euskera desde cativos, a cantidade de neofalantes é enorme. A chamada que se fai desde esta campaña é a que mostren orgullosos o seu coñecemento da lingua vasca pois con estas cifras está claro que o futuro desta lingua está nos incorporados nos últimos anos. Isto tamén nos recorda que o galego é a única lingua peninsular que perdeu falantes. Velaí que, se noutros territorios se aplicaron políticas normalizadoras, en Galicia o que houbo foi unha política exterminadora da lingua da terra.
A Lei de Normalización Lingüística galega tamén fixera 30 anos no 2013 cun destacado silencio institucional. O Sermos Galiza fixera unha pedira un balance a varios especialistas que non estaría mal recordar: [1] e [2]

Galego, dereito ou discriminación?

por Francisco L. Priegue Fernández, nas Cartas ao Director do Faro de Vigo:

O Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 5 establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios para facilitar o seu coñecemento.

mércores, 2 de decembro de 2015

Eu son...



Algunhas veces aparece por algún dos blogroll que teño por aquí á dereita algunha cousa fóra do común. Este é hoxe o caso.
Nestes días non foron poucas as referencias que, con motivo do seu pasamento, houbo a Neira Vilas así que non sería de estrañar que esta do IES de Curtis, unha máis, se me pasara. E sería unha enorme perda.
A publicación comenza así:

A exposición Eu son… naceu cun dobre obxectivo: por unha banda pretendía render homenaxe a Memorias dun neno labrego, obra singular na historia das nosas letras e, por outra, ofrecer un tributo aos nosos antergos, a todas aquelas persoas que teceron coas súas vidas os nosos presentes.
As súas 118 páxinas son unha restra de perlas nas que se recupera a memoria e o orgullo dos nosos antepasados, das súas aldeas, dos seus soños, da emigración, da dictadura,.... Un exemplo a imitar.

O renacer á lingua galega do inconformista Pepe Chao

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de ProLingua:


O meu descubrimento do inconformista e heterodoxo Pepe Chao produciuse cando empezou a colaborar co semanario Teima, onde, de xaneiro a xullo do 1977, debullaba a actualidade da igrexa en xeral e comentaba desde unha perpectiva relixiosa progresista a actualidade de Galicia.

martes, 1 de decembro de 2015

Dous nenos na Liña do Horizonte

por Manuel Rivas, en La Voz de Galicia:


Arinco a escribir unha lembranza de Xosé Neira Vilas e un chío telefónico, acompañado da inquietante vibración, trae a noticia da morte de Xosé Chao Rego. Agora estou a velos, aos dous, na Liña do Horizonte. É curioso. Non os vexo como vellos. Teñen a presenza, o xeito e a fala de dous nenos das viñetas de Castelao. Chao era de Vilalba e Neira de Gres, mais eu penso que nacer naceron ou renaceron aí, nese espazo da ollada fértil deseñado coa man sincera. Están aí, ensumidos, sentados entre o aquén e o alén.

De blogues.47


  • Onte 1508: O Cabanillas de Fernández Rei, 20/11/15, por M. Bragado en Brétemas
  • Onte 1509: Gala do Libro Galego, 21/11/15, por M. Bragado en Brétemas
  • Fontán (I), o perfecto ilustrado,25/11/!5, por Pedro García Vidal, no Café Barbantia
  • No cabodano do mestre Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 – A Estrada, 2014), 25/11/15, por Miro Villar no blogue As Crebas
  • En que se parece un corvo a un escritorio?, 26/11/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Fontán (II), en Noia, 26/11/15, por Pedro García Vidal en Café Barbantia
  • Onte 1514: Aniversario de «Galicia Ciencia», 26/11/15, por M. Bragado en Brétemas
  • Fontán (III), a súa magna obra: a Carta Xeométrica de Galicia, 27/1/15, por Pedro García Vidal, no Café Barbantia
  • Xosé Neira Vilas, 27/11/15, no blogue do club de lectura do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense), As catro esquinas do quinto
  • "Querido Balbino", sempre te levaremos no corazón:, 27/11/15, do blogue da Biblioteca do IES de Poio, As zocas faladoras
  • As memorias de Neira Vilas, 27/11/15, en Marlou
  • Xosé Neira Vilas: obreiro da palabra, 27/11/15, por Francisco Castro, na Canción do náufrago
  • NEIRA VILAS: SEMPRE NA MEMORIA, 28/11/15, en Xesteira
  • Xosé Neira Vilas, 28/11/15, en Pingas de humor crítico
  • Neiras Vilas, in memoriam, 28/11/15, en Son de noso
  • O noso Club e Neira Vilas, 29/11/15, no blogue do club de lectura do IES de Vilalonga, Praia das palabras
  • MEMORIAS DUN NENO QUE SE FOI, 29/11/15, por Blanca Barros Rubines no blogue Aquisfala
  • Onte 1517: Pepe Chao, pensador irimego, 29/11/15, por M. Bragado en Brétemas
  • Eu son..., 30/11/15, no blogue da biblioteca do IEs de Curtis, Curtisbiblio
  • Cruciverbalismo e sesquipedalismo, 30/11/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua