Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de xuño de 2016

Rabela: debate sobre o galego na mocidade



Cando hai uns días recollía un debate sobre o ensino da nova canle de televisión Nós TV xa osmaba que non sería a última vez que faría referencia ás achegas desta nova emisora radicada en Lalín. O que non esperaba era esta explosión, a do pasado 28/06/16 coa emisión do espazo Rabela, cun especial pola a lingua, con varias horas de emisión e cargado de contidos, dos que se teño tempo irei dando noticia neste espazo.
O primeiro que vou destacar é esta mesa de debate moderada por Pablo "Chichas"e na que interveñen profesores de recoñecida experiencia no mundo da normalización: Séchu Sende, escritor e toda unha referencia, Hortensia Bautista con experiencia como concelleira de normalización e  Bernardo Penabade, o ideólogo do "Modelo Burela", xunto á presidenta da CTNL, Anxos Sobirño, falan da perda de falantes na mocidade galega e por onde deben camiñar as prácticas normalizadoras.
Ademais do faladoiro, o programa contén moitas entrevistas, sobre todo a rapaces.

martes, 28 de xuño de 2016

26J

Esta foto, dun cartel electoral do PP foi tomada na Estrada. Hai centos de carteis iguais a este que se pegaron por toda Galicia. En todos eles, ademais do lema "A favor", faise referencia a unha data, a do 26 de xuño, como 26J. O PP renegou por completo do uso do galego ao facer referencia á data electoral única e exclusivamente en español. A mensaxe non era directa, pero estaba clara.
Os cabezas de lista da formación popular eran Juan Juncal, coñecido ultra anti-galego, Joaquín Mª García e Ana Pastor, que non falan en galego nin de casualidade, e Miguel Ángel Viso, do que o único que sei é que patrocinaba o Ribeiro en castelán. 
Isto é o que queremos para a nosa lingua? A súa negación, a vía aberta ao supremacismo do español? Queremos unha lingua de terceira clase, dun status inferior non xa ao inglés, senón ao de calquera lingua estranxeira? Queremos unha lingua chea de prohibicións e sen ningunha garantía? Queremos a hipocrisía da louvanza sentimentaloide baixo unha política lingüísitca de apartheid? Quizais o noso desexo pase por protexer aos nenos da nosa lingua, procurando que non a escoiten, que non a falen, que non a aprendan e que, pola contra, aprendan que non serve para nada, que as linguas realmente útiles son as que non son a nosa, e que en definitiva, a nosa, tampouco é nosa.
Se buscábades iso fixéchedes ben o pasado 26X votando ao PP, porque iso é o que teremos. Os sinais estaban claros, e aquel que non os vira, ou ben é cego, ou ben idiota, ou ben un furibundo negacionista.





xoves, 23 de xuño de 2016

Da Laracha a *La Racha pasando por *Laracha: Da importancia de non quedar in media res

por Silvana Castro García en Terra e Tempo:

Desde hai un tempo escoito con resignación como unha parte da poboación, minoritaria, afortunadamente, opta por eliminar os artigos diante de topónimos como A Coruña ou A Laracha, por exemplo, de tal xeito que "Saen de Coruña e paran en Laracha de camiño a Carballo".

martes, 21 de xuño de 2016

17 de Maio negado 17 veces


Así é como desde as institucións se actúa contra a lingua galega. Este é o caso do Concello de Ribeira, que continúa actuando impunemente contra a Lei de Normalización Lingüística e contra o Decreto 189/2003  polo que se aproba o nomenclátor das entidades de poboación da provincia da Coruña. A mestura de hipocrisía e desprezo non pode ser maior có que se demostra neste cartel mediante o que o concello anunciaba os actos do que denominaban "mes das letras galegas".
Efectivamente, o 17 de maio celebrábase o Día das Letras Galegas. Este ano a figura protagonista era Manuel María, un poeta moi comprometido coa normalización da lingua. No cartel anunciador do concello de Ribeira 17 veces aparecía o topónimo en versión deturpada: *RiVeira. 17 veces negada a lingua galega coa aquiescencia da Xunta de Galicia, especialmente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

luns, 20 de xuño de 2016

'Saudade' cantada pola rapazada arxentina


Francisco Luís Bernárdez (Buenos Aires1900-1978) era fillo de emigrantes procedentes de Maceda Maside. El é o autor do poema que cantan estes rapaces do colexio Santiago Apóstol (Buenos Aires).
A nota triste é que se divulgue esta peza neste blogue no canto de que o faga quen ten tería que facelo, pero iso é o conto de sempre. 
Unha imaxe de Francisco Luís Bernárdez aparece ao principio do vídeo. El foi un poeta e diplomático arxentino que colaborou na revista Nós e que escribiu varias obras en galego, entre elas o “Discurso encol do Idioma Galego” publicado en 1953, no que denuncia o estado da nosa lingua na ditadura franquista.
O poema que canta a rapazada do Santiago Apóstol é o seguinte:

SAUDADE
Non sei quen é, non sei como se chama.
Non sei de donde ven nin quen a envía,
Non sei si é de tristura ou de alegría
A voz con que ela clama e me reclama.
Non sei si cada bágoa que derrama
Brota de gostosura ou de agonía
Non sei si o que ela chora noite e día
Ven do seu ser ou do que o meu máis ama.
Somente sei que a sinto tan presente,
Tan viva, tan real, tan insistente
Como a lembranza e a melancolía.
Como a reminiscencia de un cheirume.
De un vago son, de un indeciso lume,
De algo que fai pensar en Rosalía (…).

sábado, 18 de xuño de 2016

A lingua como arma política ou a necesidade de novos discursos

por Denis Vicente e Martín Vázquez no Praza Pública:

Nos últimos días asistimos a un cruce de declaracións sobre a lingua galega en varios medios de comunicación e nas redes sociais de dous dos principais líderes políticos da esquerda galega: Carlos Callón, candidato do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña nas vindeiras eleccións do 26 de xuño; e Carmen Santos, actual Secretaria Xeral de Podemos en Galicia.

Lingua de laboratorio

por Rosa Enríquez en La Región:

É o galego unha “lingua de laboratorio”, como afirmou Carmen Santos, a secretaria xeral de Podemos en Galiza? Por que diría isto a politóloga viguesa? Talvez porque a normativa da RAG non lle comprace e se inclina polo reintegracionismo ou máis ben é contraria a calquera normativa e prefire que sexa a fala a que determine como cómpre expresarse en galego, así, en abstracto? Paréceme que Santos incorre nun erro que revela un coñecemento superficial da cuestión lingüística. O galego, como o francés, o catalán, o inglés ou o italiano son linguas vivas, porque son usadas de xeito cotián por un certo número de persoas para poñer en práctica iso que adoitamos denominar comunicación.

xoves, 16 de xuño de 2016

Unidos pola lingua en Lalín


Quizais xa o víchedes na tele, porque o acontecemento tivo moita repercusión. Foi hai un mes, o pasado 16 de maio. Unha cadea formada por mozas e mozos dos dous institutos de Lalín estendeuse entre os dous centros. Unha cadea humana de máis de un quilómetro, a distancia que hai entre o IES Laxeiro e o IES Ramón Mª Aller Ulloa, que contou coa colaboración da policía local. Os rapaces colocáronse polas rúas Luís González Taboada, D e Penatoare. Unha vez que confluíron, utilizouse a cadea para intercambiarse libros. O IES Aller Ulloa entregoulle ao outro centro Astronomía a ollo ceibe, (o libro que debía ser o primeiro libro de divulgación científica en galego, proxecto fanado polo desastre da Guerra Civil e posterior dictadura) e Presas fáciles, de Miguelanxo Prado. Do IES Laxeiro partiron Historia do ADN, de Daniel Soutullo, e Cantos de poeta, de Gelria.
Ambos centros fixeron público un manifesto conxunto no que destacan a importancia da ciencia en galego, agora prohibida nos centros de ensino pola defenestación do funesto decreto do plurilingüismo ao que cualifican acertadamente no manifesto como "exemplo de estratexia de substitución lingüística habilmente calculada."

mércores, 15 de xuño de 2016

QR Manuel María en Vilalba



Neste mapa podemos ver a ubicación de distintos códigos QR que levan a vídeos e outros recursos feitos polo alumnado dos centros de ensino de Vilalba arredor da obra e a figura do escritor chairego Manuel María.
A organización dos contidos, a creación dos códigos QR e o mapa son un traballo da biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba) e o seu alumnado. Colaboraron neste proxecto o CEIP Insua Bermúdez, CEIP Mato Vizoso, CEIP Monseivane, CEIP Terra Chá, CEP Castelao, Centro Ocupacional, Escola de Educación Infantil de Vilalba, Escola Infantil A Galiña Azul, e o IES Basanta Silva.
Son un total de 28 recursos que, ademais de pola arañeira virtural, tamén se difundiron por Vilalba en paneis informativos. O alumnado destes centros realizou diversos traballos sobre Manuel María e nos locais comerciais e de hostelería houbo exposicións dos mesmos. Deste xeito sacouse a escola pola vila e espallouse coma nunca a figura do poeta chairego por Vilalba.
Entre os recursos aos que podemos acceder está esta orixinal contrución dunha gaiola para os soños do alumnado do IES Los Peña novo.que fixeron no Departamento de Automoción.
Non se pode pedir máis.

As cinco vogais do listísimo Carlos Callón

por Carlos Callón, no Sermos Galiza:
Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos en Galiza, respondeu ao meu último vídeo, no cal eu afeaba que chamase o galego escrito como unha "lingua de laboratorio", entre outras cousas.

martes, 14 de xuño de 2016

A situación do ensino na actualidade



Debate moderado por Pablo "Chichas" sobre o estado actual da Educación. Estiveron no plató de Lalín Mariló Candedo (Nova Escola Galega), Moncho Carrasco (CPR Plurilingüe Karbo) e Alejandra Pérez (Profesora Educación Secundaria na Pública). Falouse das reválidas, da LOMCE, das programacións, da situación do galego nas aulas (hora:minuto 59:30) e houbo polémica no debate sobre o ensino público e ensino privado.

luns, 13 de xuño de 2016

Lingua que traba



Outra vez máis, o obradoiro de plástica dixido por Luz Beloso no IES As Barxas (Moaña), cunha historia realmente fantástica.
Vía CGENDL

Contra o bilingüismo enredante

por Nel Vidal, no Praza Pública:

Figureiro, pasmón, de escaparate, parvo, machucante, pesado, absurdo, ocultante, ineficaz, repetitivo, secundarizador, molesto…, ou paspán (como o ten denominado o psicólogo Ferran Suay). Para o título escollín “enredante”, mais creo que de calquera destas formas se podería adxectivar o bilingüismo ao que me refiro neste artigo, ao que lle levo un tempo a dar voltas e sobre o que non me animei a escribir nada até que non merquei un cartón de Deleite, que é só “leite galego” por diante, por atrás, polos lados e por arriba (e cumprindo coa normativa que impón o castelán en ingredientes e caducidade). Galego 100%, en masculino, por todo o envase, si, sen necesidade de, ao mesmo tempo, querer ser outra cousa. Sen ser figureiro.

domingo, 12 de xuño de 2016

"O poema" de Manuel María


O POEMA from EduPlástica- Luz Beloso on Vimeo.

Outra vez o departamento de plástica do IES As Barxas (Moaña), nesta ocasión cun poema, O poema, de Manuel María.
Vía CGENDL

sábado, 11 de xuño de 2016

"Teu son vaime": a diversidade da lingua común



Son rapaces de 6 centros distintos. Cada quen canta coa súa variante dialectal, e todos xuntos forman unha canción na lingua común.Son cantos diversos, sotaques plurais, porque cantar non ten cancelas e o galego non remata en ningunha isoglosa.
Videoclip realizado polo alumnado de 2º ESO do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) en colaboración co IES Cosme López Rodríguez (A Rúa), o IES San Paio (Tui),o IES de Melide (Melide),o Agrupamento de Escolas Dr. Júlio Martins (AEJM) (Chaves) e o IES Padre Sarmiento, Vilafranca do Bierzo (León).
Vía CGENDL

venres, 10 de xuño de 2016

Matemáticas en galego (na USC)

Ao botar un ollo ao pasado, podo certificar que fun realmente afortunado por recibir un número de horas de clase en galego bastante alto, un 35%, de comparármolo co que cabría esperar segundo as cifras que nos achega anualmente O Cartafol, a revista dixital do SNL da USC. De repasarmos os datos do uso do galego na docencia na USC, veremos que nunca chegaron aos niveis dos que gozei eu. Os valores máis altos dos que se ten referencia é desde o curso 2002-2003, un 20%, que foi incrementándose ata o curso 2009-2010, un 32%. Nese momento, é cando se aproba o funesto decreto de plurilinguismo  (casualidade?) e tamén comenza un descenso do galego na universidade compostelá ata un 21% do último ano. Un paso adiante e outro atrás, Galiza.
Claro que, se falo do meu caso particular,  a docencia dos departamentos de matemáticas está moito máis galeguizada que a dos da rama biolóxico-sanitaria, onde o galego é unha rara avis.
Por concretar, darei os datos da porcentaxe da docencia en galego do último ano nos departamentos de matemáticas:

  • Álxebra: 19,36%
  • Xeometría e Topoloxía: 22,35%
  • Análise Matemática: 66,25%
  • Matemática Aplicada: 33,19%
  • Estatística e Investigación Operativa: 12,15%

Con este panorama é moi de agradecer, e de louvar, o esforzo que están a facer moitos docentes desta universidade, que desde o ano 2008 contribuíron á publicación de unidades didácticas, sumando ata o momento un total de 231 títulos.
Unha vez máis vemos o esforzo de parte do SNL da USC e dos que colaboran co mesmo, un esforzo escasamente recompensado e que se enfronta a unha estrutura social montada para a exclusión da lingua galega. Vivimos nunha política lingüística supremacista que mantén e protexe todas as vantaxes para a lingua A ao tempo que se divulga un discurso no que se aparenta protexer e potenciar a lingua B. Así ésta ten que cargar co discurso, mentras que a outra queda cos privilexios, o cal multiplica as desvantaxes da primeira e as prerrogativas da segunda, ao preparar así o campo ideal para o discurso de que se impón a lingua B. Deste xeito, iniciativas coma esta do SNL, de publicar unidades didácticas en galego, adquiren o nivel de accións heróicas.
Como mínima contribución á honra que merece todo este esforzo, recollo aquí as unidades de matemáticas que hai publicadas ata hoxe. O caso non deixa de ter o seu punto subversivo xa que, recordémolo unha vez máis, cargouse sobre as matemáticas a prohibición de impartila en galego baxo un decreto autotitulado equilibrista. Curiosamente non se elaborou un decreto das mesmas características para o ensino unversitario, onde polas cifras que vimos aquí, si que levaría a un incremento da docencia en galego.

Álxebra

  • Rodríguez Fernández, C. e Fernández Vilaboa, J.M. (Dpto. Álxebra): Espazos vectoriais, para a materia "Espazos Vectoriais e Cálculo Matricial", 2013


Xeometría e Topoloxía



Análise Matemática



Matemática Aplicada



Estatística

  • Crujeiras Casais, R.M. (Dpto. Estatística e Investigación Operativa): Inferencia estatística, para a materia "Estatística", 2013
  • Fernández Fernández, M.A. (Dpto. Estatística e Investigación Operativa): Programación linear enteira, para a materia "Programación Linear Enteira", 2013
  • Rodríguez Casal, A. (Dpto. Estatística e Investigación Operativa): Introdución ao cálculo de probabilidades, para a materia "Elementos de Probabilidades Estastística", 2013


Uso do galego na USC: artigos do Cartafol
Para completar a entrada, pódense consultar os artigos que desde a publicación dixital do SNL nos achegan sobre o uso do galego na univerisade compostelá:


luns, 6 de xuño de 2016

O grande poder da matemática




Documental do programa Observatório do mundo, emitido pola canle TVI24 no que se desenvolven algúns tópicos das aplicacións da matemáticas.
Vía SPM

domingo, 5 de xuño de 2016

O anuncio en córnico



Xosé María Lema escribía na tribuna da RAG un artigo sobre o córnico poñendo o acento no enorme abatemento que produce pertencer a unha cultura que deixou perder a súa lingua. Con todo hai un grupo duns 300 resistentes que pulan pola recuperación da lingua da terra.
No ano 2002 o córnico acadara o status oficial de "lingua minoritaria" baixo o paraugas da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), o que esixe dos estados que garanta a aprendizaxe da lingua de todos aqueles que o desexen e ampare o movementos de normalización lingüística. Ata este ano o goberno inglés destinada unha partida orzamentaria de 150.000 libras para financiar políticas lingüísticas de fomento do córnico pero o pasado mes de abril suprimiu estes fondos. A compañía de xeados Kelly´s of Cornwall aproveitou a circunstancia para crear un anuncio no que se potenciaba a calidade do produto co uso da lingua córnica e a un tempo multiplicaba a visibibilidade da reivindicación da dotación orzamentaria para esta lingua.


Losing the Cornish language would kill off part of British culture

venres, 3 de xuño de 2016

Rabela: artistas e lingua



Continúo coa teima do enorme programa emitido o pasado 28 de xuño por Nós TV. Nesta ocasión a mesa de reflexión, sempre dirixida por Pablo "Chichas", reuniu a varios artistas,  Inacio Vilariño, Fantoches Baj; Paco Nogueiras, músico; Martín Nogueira, músico; e Anxo Garcia, Viravolta Títeres.

Paseo de Manuel María pola Estrada


Tal e como anunciara a Asociación Cultura Vagalumes, despois de facer o percorrido pola vila da man de Manuel María visitando distintos centros comerciais, editaríase un vídeo ofrecendo un resumo da xornada. Velaquí está.
Non só escoitaremos aos veciños recitar poemas do escritor chairego, senón que veremos ao propio Manuel María, interpretado polo mestre Tino Regueira, falándonos da súa vida e ofrecéndonos anacos da súa obra.

A linda cooficialidade dun país diglósico

por Iolanda Teixeiro Rey, no Sermos Galiza:

E a ledicia que nos dá vivir nun país diglósico? Iso é impagavel! Camiñando aquelas ruas encostas de Porto, onde todo a xente se dava a falar portugués, decateime eu do triste aborrecemento daquel viver monocorde.

xoves, 2 de xuño de 2016

CEIP Frian-Teis: Vivimos nun mundo matemático

Xa levo tempo seguindo as noticias que o CEIP Frián-Teis (Vigo) vén deixando no blogue da biblioteca, O lar de Frianciño. Pode que a alguén se lle faga recoñecible o centro pois foi onde se argallou aquela excelente proposta titulada A lingua sabe a pan. Podería suceder que este proxecto fose unha marabillosa casualidade e que, unha vez rematado mesmo se lle virasen as costas á lingua pois oportunidades para isto é o que nos ofrece a Xunta mediante o funesto decreto do plurilingüismo. Mais éste non é o caso, a lingua segue sabendo a un pan gorentoso. Nesta ocasión a protagonista é a matemática e celebramos que, contra vento e marea, se fixera en galego.
Desde que Galileo comentara en Il Sagiatore, que a explicación do mundo estaba escrito na naturaleza en linguaxe matemática, a daquela chamada filosofía natural,  avanzou sobre esta premisa e fíxoo mellor ca nunca en toda a súa historia. En relación coas matemáticas, isto é o que se debe aprender na escola. A importancia das matemáticas como ferramenta para interpretar o mundo. Así, o alumnado de primaria ten que practicar as múltiples destrezas aritméticas que utilizamos e debe comprender cales son as principais figuras xeométricas. É un clásico que esta segunda cuestión sexa unha tortura en moitos libros de texto. Alí aparece un listado dunha chea de figuras xeométricas con toda a súa terminoloxía, unha enmarañada clasificación, fórmulas a esgalla..., en definitiva, algo que podería representar o inferno.
O profesorado do CEIP Frián-Teis, acompañado de toda a comunidade educativa, converteu isto no paraíso. Durante todo o curso, moitas das familias do centro estiveron pescudando en busca de imaxes matemáticas presentes no entorno. Así obtiveron fotografías na propia casa, de sinais de tráfico, referentes ao ámbito deportivo, do tranporte,....En todas elas aparecía a súa mascota, o moucho Frianciño,  e en todas elas podemos abstraer unha figura xeométrica. Tal e como dixo Galileo, vivimos nun mundo matemático. Para comprobármolo basta con percorrer aquí abaixo o traballo que fixeron durante o curso. De certo que moitos outros pais sentirán, como min, unha sana envexa dos que teñen matriculados aos seus fillos nese centro.


Idioma escollido

por Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:

En datas recentes cumpríanse dous centenarios que deron para moito correr de tinta, mesmo con paixón. Se sometésemos todo o publicado na web (hoxe so existe o que aparece nela) a unha máquina lóxica de captura e agregación, veriamos que Irmandades da Fala e Camilo José Cela son rótulos príncipes. A partir deles, moitas derivas. Compañeiros de La Voz devotos da literatura fixeron ardente defensa de don Camilo, como escritor galego «ata as cachas» (Pousa) e seica maltratado por non escribir na lingua patrimonial do Impaís (Caneiro).

mércores, 1 de xuño de 2016

De blogues.57

da Wikipedia

  • O metro en anagramas, 02/05/16, por Carlos Medrano en Xogos de lingua
  • A subtitulación de produtos para a TVG, 04/05/16, por Manuel Arca Castro en Derrubando isoglosas
  • De "idiomas muy respetables españoles" que non serven, 04/05/16, por Carlos Callón, no seu blogue
  • Chegan as reválidas, 10/05/16, por M. Bragado en Brétemas
  • Onte 1673: Primeira Gala do Libro, 15/05/16, por M. Bragado en Brétemas
  • 10000 días despois, 16/095/16, por Carlos L. Medrano, en Xogos de Lingua
  • Liberdade lingüística, 16/05/16, por Aldara Tubío Pereira, no Bico da Ría
  • Tres anotacións para o Día das Letras, 17/05/16, por Carlos Callón no seu blogue
  • Onte 1675: Manuel María, editor de Xistral, 17/05/16, por M. Bragado en Brétemas
  • Onte 1676: Día de Internet, 18/05/16, por M. Bragado en Brétemas
  • A experiencia do idioma córnico, 14/05/16, por X. M. Lema na Costa do Solpor
  • Outra visión do D. Ramón de Asorey, 19/05/16, A Marela Tarabela, blogue da biblioteca do IES Ramón Aller (Lalín)
  • Idioma escollido, 26/05/16, por Xavier Alcalá no seu blogue
  • Onte 1689: Xerais Básicos Ciencia, 31/05/16, por M. Bragado en Brétemas