Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 23 de xuño de 2016

Da Laracha a *La Racha pasando por *Laracha: Da importancia de non quedar in media res

por Silvana Castro García en Terra e Tempo:

Desde hai un tempo escoito con resignación como unha parte da poboación, minoritaria, afortunadamente, opta por eliminar os artigos diante de topónimos como A Coruña ou A Laracha, por exemplo, de tal xeito que "Saen de Coruña e paran en Laracha de camiño a Carballo".

Algúns fano deliberadamente ao consideraren que é unha maneira de se abster do conflito imbuído na sociedade por aqueles que din que *La Coruña ou *La Laracha son formas lexitimamente correctas e libres de toda connotación nacionalista. Pensan que deixando de lado o artigo, parte do topónimo, se posicionan nunha terra neutral que os afasta de calquera consideración política que se lle queira dar ao asunto.
Naturalmente, o que o queira saber e entender, sabe e entende que a lei di que a única forma correcta dos topónimos en Galiza é a forma galega, e afortunadamente, temos en liña un prezado recurso que é o Nomenclátor de Galiza (www.xunta.es/nomenclator) desde o que podemos consultar concello por concello todos os topónimos oficiais, os únicos e verdadeiramente lexítimos histórica e filoloxicamente, onde se ve claramente que o uso do artigo nos topónimos non é arbitrario, xa que Pastoriza (no concello de Arteixo, A Coruña) e A Pastoriza (concello da provincia de Lugo) son dous topónimos diferentes.
O problema vén cando esta maneira de deturpar a toponimia do noso País se pon de moda e se espalla entre a poboación, alimentado pola falta de rigor e de respecto pola cultura e a lingua propias dun País da que se fachendean algúns dos nosos gobernantes.
A respecto do tema que tratamos, non temos máis que botar unha ollada á sinalización da autoestrada A Coruña-Carballo e veremos como á altura do concello da Laracha se malgastaron miles de euros en sinais en que o nome do concello de saída que indican é *Laracha. E á maioría da xente pásalle inadvertido este asunto porque "total, ben se entende", ou porque "por unha letra que máis dá". De reflexionarmos un pouco no asunto ao mellor caiamos na conta de que temos que ser máis exixentes co noso patrimonio e sobre todo, esixirlle eficacia aos gobernantes, porque como di o refrán "o que máis dá non é o que máis ten".
Quizais a única maneira de que estas persoas ás que lles pasa inadvertido o asunto reaxan é cando ven que do topónimo deturpado *Laracha se pasa a unha invención como a localidade de nacemento que unha veciña de Carballo loce no seu Documento de Identidade: *La Racha, que, ignorante de min, non sei ben onde pode ser, mais ben seguro que moi lonxe de Vilaño, parroquia do concello da Laracha de onde procede a familia da susodita.
Cousas como estas non se permiten noutros lugares, por que aquí si? Por que temos que aguantar que nos aparcamentos da Praia das Salseiras, en Caión (A Laracha), estreados este verán, a sinalización estea única e exclusivamente en castelán, sen ningún tipo de escrúpulo e vergoña por parte dun alcalde que se empeña en cambiar ao seu antollo o nome do concello que lle dá de comer.
Non quedemos in media res, non lle permitamos que gañen a batalla do feísmo lingüístico e da deturpación toponímica e protestemos diante destas agresións ao noso espazo cultural, histórico e social. De nós, e de ninguén máis, depende.

Ningún comentario:

Publicar un comentario