Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de novembro de 2016

Youtubeiras vs. Rede de Dinamización Lingüística


YOUTUBEIR@S, Concurso de vídeos na Rede from Illa Bufarda on Vimeo.

Youtubeir@s  nace coa vontade de fomentar a creación de vídeos en galego, tanto de opinión (vídeo-opinarmos) como videotitoriais (vídeo-facermos), para a súa difusión en Internet. As bases explícanse neste mesmo vídeo que compartimos aquí. Ademais ofrécese a posibilidade de formación para a vídeocreación.
Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos a Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; ademais das universidades galegas. Cada vez que se pon en funcionamento unha destas propostas faise máis evidente o contraste coa inanición da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A posta en escea das Youtubeir@s é alegre, enérxica, a toda cor. Pola contra, na RDL só atopamos tristes PDFs baleiros completamente de contido. Se desde Youtubeir@s se proxecta unha imaxe dunha sociedade dinámica e activa, paradoxalmente a chamada Rede de Dinamización susténtase nun tipo de organización pesada, inamovible e anticuada e que se dirixe a unha socidade que comparte os mesmos adxectivos. A RDL quer retratarse como un ente para a formación permanente (sic) cando hai 5 anos que non convoca ningún tipo de actividade formativa. O bo criterio das Youtubeir@s fixo que non se nos presentaran como un simple concurso audiovisual, senón que na xenética do mesmo está a formación na videocreación.
En definitiva, a escura  RDL está sustentada co orzamento da política lingüística da Xunta e resulta ser máis ben un elemento de freo á normalización, mentres que as Youtubeir@s que revalorizan a lingua co achegamento ás TIC, tiveron que traballar cun complexo entramado de SNL de entidades locais e universidades para financiar un proxecto ilusionante e cheo de luz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario