Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 18 de xaneiro de 2017

Bolboroteando: a lingua para comer, a lingua para falar



Moi bo o discurso que Diana Fernández e David Díaz expuxeron no LGx15 na súa segunda edición (2016). Eles son os responsables do gorentoso blogue culinario Bolboretas no bandullo, que puxeron a funcionar a finais do 2013. Este vídeo mesmo é un excelente recurso educativo para a reflexión sociolingüística nas aulas (e fóra delas) xa que promoven a reflexión sobre o uso social da lingua e tocan temas como o dos prexuízos ou a calidade lingüística.
Bolboretas no bandullo é para min o paradigma da normalización ben feita. Xente nova, usando novas tecnoloxías, presentando ao público unha actividade agradable e sen estridencias, que ademais é útil e cargada de valores positivos. Eles ocupan con orgullo seu pequeno espazo e fan evidente que de non existiren, a esmagadora presenza do castelán ocuparía prácticamente toda a blogosfera gastronómica.
Agora que a CTNL nolo pon á nosa disposición, é o momento ideal de presentar a canle de youtube que estes dous arriscados blogueiros argallaron para multiplicar as potencialidades que ofrece a arañeira. Velaquí a súa primeira receita youtubeira.

2 comentarios:

  1. Querido Cibrán, non nos coñecemos persoalmente mais emociónanos fondamente esta túa entrada tan agarimosa arredor deste proxecto que tan ben queremos e tanto nos ilusiona. Gardamos as túas palabras como ouro en pano e agradecémosche inmensamente ter visibilizado Bolboretas no bandullo neste outro espazo vital para a nosa rede. Unha forte aperta!!

    ResponderEliminar
  2. Foi por esta época cando cambiou o aspecto do blogguer e, desde aquela, non me decatei que había comentarios por aquí. Sinto non ter respondido antes.
    Grazas, moitas grazas polas vosas palabras.

    ResponderEliminar