Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de marzo de 2017

Son regueifeira e gústame regueifar


O Concello de Santiago convoca durante o mes de abril un certame de regueifas en vídeo para contribuír ao coñecemento desta forma de improvisación oral, incentivar a súa práctica e colaborar á creación de espazos nos que a lingua galega sexa canle de expresión, comunicación, participación e divertimento.
Vía Dores S. Alegre

xoves, 23 de marzo de 2017

O Berete: a revista

Máis dunha vez temos feito referencia ao blogue O Berete, do ENDL do IES Chapela (Redondela). Agora sabemos que O Berete é tamén unha revista. Neste número, hai unha entrevista, recensión de libros, creación literaria, novas e un pequeno artigo sobre un obxecto que fora todo un éxito no seu tempo e que volve a estar de moda: o cubo de Rubik. Para botarlle un ollo:

O Berete. Marzo 2017.

mércores, 22 de marzo de 2017

ostiá! (toponimia deturpada) de Leo i Arremecághona



O Leo i Arremecághona ofrécenos este hit: Sanjenjo, Panjón, Corujo, Puertonuevo, La Coruña, Bueymuerto, Arte(i)jo, Ortiguera, Puentedeume, Puenteceso, Noya, Bayona, ???, La Peroja, ????

domingo, 19 de marzo de 2017

Rosalía, discurso moderno

por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, en La Voz de Galicia:

A obra de Rosalía acompáñame desde a adolescencia. Foi, como non, unha das miñas primeiras lecturas en lingua galega, lectura, no meu caso, orientada pola miña profesora nas aulas do Instituto, Pilar García Negro que, nun tempo en que non había aínda ensino regrado desta materia, permitiunos a moitas rapazas descubrir a literatura galega e, moi en especial, a potencia e orixinalidade do discurso rosaliano. Por tanto, para min, ler Rosalía resulta indisociábel da reflexión sobre a problemática das mulleres e, tamén, da sorprendente descuberta de ter diante unha voz que falaba desde unha clara conciencia da propia identidade como muller. Con todo, o certo é que esta ollada desprexuizada sobre a produción rosaliana non era, nin de lonxe, a máis común na altura pois, como é ben sabido, pesaban sobre ela preconceptos fortísimos.

sábado, 18 de marzo de 2017

Semente de Trasancos




A pasada fin de semana celebrouse en Narón a terceira edición do Festival solidario da Semente para apoiar o ensino en galego en Ferrolterra organizado por Semente de Trasancos, un grupo de xente que pula por algo tan simple, tan necesario, e hoxe en día, tan escaso, como unha escola en galego.

Carta aberta a un pai galego

unha desas marabillosas cartas abertas de Xabier P. Docampo, en Praza Pública:


Prezado señor Núñez Feijóo: Sei pola prensa que o día 15 do mes pasado naceu o seu fillo e quero dicirlle, con total sinceridade, xaora, que desexo que o neno se críe ben e saniño e que contribúa á felicidade de vostede e mais a da nai da criatura. Así que vaia isto por diante.

xoves, 16 de marzo de 2017

Galiza somos nós, a xente e máis a fala



Excelente peza audiovisual, elaborada dentro do marco do  Outorno Cultural da Coruña. Está construída sobre o poema de Manuel María "Galiza" (Os soños na gaiola, Edicións Xerais 2000), protagonizada polas persoas e colectivos anónimos que dan vida á cultura de base nas vilas e cidades da provincia.
Participaron no vídeo Jontxu Argibay (escultor de Ribeira), Regina Muñiz Gerpe (poeta de Santa Comba), membros do Teatro Municipal de Ames, da Coral Polifónica de Noia, da Escola Municipal de Teatro de Negreira, da Asociación Xuvenil Cherinkas (Vimianzo) da A.C. O Castelo (Vimianzo), da Banda Municipal de Cee, dos grupos de teatro de Muros, da Asociación Cultural Charamela (Melide), da Aula de Teatro Municipal de Carballo, da Asociación de Mulleres Rurais Arantón (Santa Comba), do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, da Rondalla Moraima (Arzúa),do Grupo poético Alalá e InterClubtural (As Pontes), do club de lectura do IES Castro da Uz (As Pontes), da A. C. Folclórica Rosalía de Castro e das Aulas da Terceira Idade de Padrón, da Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes, da Banda Municipal de Betanzos, do Grupo Azougue (Betanzos), da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña (Narón), e da Escola de Gaitas de Ortigueira.
Canta xente facento tantas cousas interesantes! Canta xente arredor dunha lingua!
Parabéns pola iniciativa.

No centenario da morte de Eduardo Pondal

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

Onte cumpriuse o centenario da morte do poeta Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835-A Coruña, 1917). O poeta e cantor dos celtas, dos bardos, dos pinos, dos castros, da vella Lusitania e reivindicador da nosa fala, finaba aquel 8 de marzo de 1917. Cen anos escurecen moitas claridades, mais o resplandor de Eduardo Pondal esclarece e ilumina inmensos portentos, de paixón e dignidade, pola normalización dunha Galiza soberana, erixida e defendida polos galegos. Eduardo Pondal foi consciente de enaltecer o propio e dignificar o noso idioma; na súa poesía a defensa da lingua é constante, e valente a súa mensaxe, como lles lembra ás mociñas da Coruña a falar a nosa lingua: “Miniñas da Cruña, / de amabre despexo, / de falas graciosas / e pasos lixeiros, / deixá de Castela / os duros acentos: / falade miniñas, / falade galego”. Pondal foi un persistente defensor da nosa fala: “Nobre e harmoniosa / fala de Breogán, / fala boa, de fortes e grandes / e grandes sin rival”. Dous apelos necesarios para comprender o compromiso do autor de Queixumes dos pinos, onde alborexa o verbo defensivo dun poeta de compromiso e combate pola fala, que vén a ser unha das credenciais identitarias con que Pondal puxo énfase na reivindicación e defensa do noso idioma.

mércores, 15 de marzo de 2017

Unha poesía prima no día pi



Nos últimos anos vén espallándose cada vez máis a celebración do Día Pi, o 14 de marzo (3/14 no formato anglosaxón, e que corresponde coas primeiras cifras do número π). No IES Chano Piñeiro (Forcarei) xa teñen celebrado esta data cun concurso de esopías (narracións que conteñen sucesivamente palabras co número de letras indicadas polas cifras do número π), mais desta vez optaron pola declamación dun poema matemático sobre os números primos.

luns, 13 de marzo de 2017

Conferencia de Pilar García Negro celebrando o centenario de Pondal



O vindeiro venres 17 de marzo, ás 19:30, na Sala de exposicións de Abanca, na Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes proponnos unha conferencia de Pilar García Negro sobre a obra de Eduardo Pondal. Con este acto querse lembrar o centenario da morte do poeta, acontecida na Coruña o 8 de marzo de 1917.


Eduardo Pondal é un dos grandes poetas do Rexurdimento galego (xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez). Pondal estivo fondamente comprometido na defensa da nosa nación e da nosa lingua e participou en numerosas actividades de signo galeguista e democrático, como o Banquete de Conxo (1856), xuntanza de estudantes e artesáns, que simbolizou a unión da reivindicación de clase coa reivindicación nacional. Eduardo Pondal creou na súa poesía un universo mítico onde os celtas simbolizan a dignidade que Galiza debe recuperar. El sentiuse o bardo, o cantor do pobo que ten a obriga de incitarnos a recuperar a forza e o orgullo de sermos quen somos e que nos quere espertar dun longo sono que debe rematar: “desperta do teu sono / nazón de Breogán”.
O nome de Pondal é moi coñecido por ser o autor da letra do noso Himno. O texto encargoullo o músico Pascual Veiga, que organizou na Coruña en 1890 un Certame Musical para premiar a composición que, sobre o texto de Pondal, mellor expresase o “espírito galego”. Finalmente, foi no Centro Galego da Habana onde o Himno se fixo “oficial” para todos os actos; interpretouse por primeira vez no Gran Teatro desta cidade o 20 de decembro de 1907, nunha velada para honrar a memoria de Pascual Veiga.
A obra de Eduardo Pondal foi menos comprendida que a de Rosalía e a de Curros, quizais polo seu carácter fondamente renovador e pola riqueza en cultismos léxicos do seu rexistro literario; mais, a actitude de rebeldía fronte á decadencia do noso país e á desaparición dos nosos sinais de identidade sitúao como poeta comprometido e é a cerna da súa produción.
A obra de Pondal non está obsoleta, senón que segue a manter a súa vixencia. Continúa pendente a “redención” do pobo galego e a recuperación da nosa autoestima colectiva.
En canto a Pilar García Negro, é sobradamente coñecida polo seu traballo político, intelectual e xornalístico. Actualmente é profesora na UDC e autora de numerosas obras ensaísticas e de investigación.
Sobre a problemática do galego ten publicado infinidade de artigos e varios libros como O galego e as leis, a súa tese de doutoramento, primeiro libro en que se aborda a cuestión crucial da lexislación lingüística e se demostra o desequilibrio legal entre español e galego; Sempre en galego, Dereitos lingüísticos e control político, Da fala á lingua. Un proceso inacabado… Ten intervido tamén en numerosos simposios e congresos sobre sociolingüística e linguas europeas non normalizadas. Foi cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada do mesmo, en Galiza, de 1985 a 1990; tamén foi membro da equipa de redacción da "Declaración Universal de Direitos Lingüísticos" (Barcelona, 1996) e do Comité científico da mesma.
Publicou edicións e estudos sobre moitos autores e autoras da nosa literatura, como Lamas Carvajal, Blanco Amor, Castelao, Manuel María, María Mariño, Carvalho Calero e un longo etc. No ano 2010, con O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
Militante do movimento nacionalista desde 1975, foi deputada polo BNG no Parlamento Galego, de 1989 a 2003. Ensino, cultura, políticas para as mulleres, política lingüística... foron os seus temas de atención preferente. Á sua iniciativa débese a constitución, na Cámara galega, da "Comisión para a igualdade e para os dereitos das mulleres".
Participa tamén moi activamente no mundo asociativo e colabora con diversas institucións culturais e pedagóxicas: entre outros cargos, foi presidenta da Agrupación Cultural "Alexandre Bóveda"; é colaboradora da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Mesa pola Normalización Lingüística; presidenta da federación de asociacións culturais Galiza Cultura…
Vén de ser recoñecida pola AELG co premio Escritora na súa Terra, que recibirá en Lugo no próximo mes de xuño.


xoves, 9 de marzo de 2017

Día da Muller Traballadora no CPI de Navia de Suarna


Cunha música ben escollida, unha pequena monlla  de frases ben insertadas e un bo fateixo de fotos, os do ENDL do CPI) de Navia de Suarna fixeron este vídeo para o 8 de marzo

mércores, 8 de marzo de 2017

No centenario da morte de Eduardo Pondal

Como a Consellería de Cultura e Educación, e en xeral a Xunta, desprezaron a celebración do centenario de Pondal, non queda máis remdio que botar man dos recursos de  quen si se acorda del. Neste pequeno vídeo temos a Sabela, lendo Meniñas da Cruña, tirado do facebook da Fundación Eduardo Pondal

Suso, do facebook da Fundación Eduardo Pondal



martes, 7 de marzo de 2017

Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Ferrol: A banda da Loba



O 17 de febreiro pasado celebrouse no Auditorio de Ferrol unha gala para homenaxear a Agustín Fernández Paz na que participaron artistas como Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, BellónMaceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba. Deste último grupo son as actuacións que recollo aquí.


luns, 6 de marzo de 2017

"O universo matemático", apuntes para o bacharelato

Sacado de Xerais
O universo matemático. Das ideas e das técnicas é o segundo libro da colección de Xerais Básicos Ciencia. O propio autor, Antóm Labranha, explica moi claramente os parámetros baixo os que se move o texto:
Este libro trata os contidos matemáticos propios do bacharelato, intentando poñer de manifesto reflexións, habitualmente implícitas, acerca do sentido dos conceptos, das propiedades e das fórumas que utilizamos...

Como un anxo da garda, un espírito da xustificación percorre todo o libro. Para ilustralo vou centrarme nun aspecto concreto: nalgún punto do currículo aparece a distribución normal. Cuestión chea de espiñas é a de como presentar nunha aula a función de densidade desta ditribución:
$$f\left( x \right) =\frac { 1 }{ \sqrt { 2\pi  }  } { e }^{ \frac { -1 }{ 2 } { x }^{ 2 } }$$
Pódese dicir que caeu do ceo, e a enorme extensión do currículo do bacharelato parece indicar que isto é o que se lle pide ao profesorado neste, e en moitos outros aspectos. Labranha presenta unha alternativa baixo o estudo natural da función exponencial y=ex. Ampliando, y=e-x2, un bo exemplo de función par, xenaralizando y=e-ax2, con a un número positivo calquera. A segunda derivada desta última función:
$$y''=-2a{ e }^{ -a{ x }^{ 2 } }\left( 1-2a{ x }^{ 2 } \right) $$
lévanos a determinar que terá puntos de inflexión cando $$a=\frac { 1 }{ 2{ x }^{ 2 } } $$
Polo tanto, se os puntos de inflexión se deran cando x=+1 e x=-1 (lembremos que é par), teremos que forzar a que a=½, neste caso a función será y=e-½x2..
Cal será a área que garda esta función? Neste punto teremos que recorrer á análise multidemensional. O cálculo de $$\int _{ -\infty }^{ \infty }{ { e }^{ \frac { -1 }{ 2 } { x }^{ 2 } } } =\sqrt { 2\pi } $$ pode consultarse aquí. Finalmente, cando estamos á procura dunha función de densidade, bastará dividir a nosa última función por √2𝛑:
$$f\left( x \right) =\frac { 1 }{ \sqrt { 2\pi  }  } { e }^{ \frac { -1 }{ 2 } { x }^{ 2 } }$$

Propostas para a aula
Estou afeito a explicar a regra de l' Hopital como unha consecuencia do teorema de Cauchy (teorema do valor medio xeneralizado). Labranha ofrece unha alternativa interesante, fundamentada na idea da recta tanxente a unha función nun punto como aproximación da función na veciñanza dese punto. Se partimos de dúas funcións f(x) e g(x), as respectivas rectas tanxentes nun punto x0, no que ambas as dúas función toman o valor cero:
f(x)≃ y=f''x0)(x-x0)
g(x)≃ y=g'(x0)(x-x0)
Polo tanto
$$\lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f\left( x \right)  }{ g\left( x \right)  }  } \simeq \lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f'({ x }_{ 0 })(x-{ x }_{ 0 }) }{ g'({ x }_{ 0 })(x-{ x }_{ 0 }) } =\lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f'({ x }_{ 0 }) }{ g'{ (x }_{ 0 }) } =\lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f'\left( x \right)  }{ g'\left( x \right)  }  }  }  } $$
En varias ocasións Labranha aproveita para ofrecer unha presentación das ideas mediante valores heurísticos.Todo isto lévanos a unha aposta por alternativas ás clases autoritarias.
En definitiva, estamos ante un libro pensado como complemento para afrontar o bacharelato que ben pode ser un punto de referencia para o profesorado da materia, un lugar do que partir para levar a cabo o traballo na aula.

venres, 3 de marzo de 2017

Da arañeira. 004

Da Wikipedia

xoves, 2 de marzo de 2017

Informe da Mesa sobre a exclusión do galego na Educación Infantil

Velaquí o informe que elaborou A Mesa sobre (a falta de) o uso do galego en infantil durante o curso 2016-2017.
Este tipo de informes debería elaboralos a Consellería de Educación, incluso ten a obriga de o facer con periodicidade anual, segundo a disposición adicional quinta do funesto decreto de plurilingüismo. Van alá seis cursos e nunca se fixo. Xa que logo, non pretenderá a Consellería, que se ela non cumpre co seu decreto, impoñer o cumprimento do resto das disposicións desa aberración ao resto da comunidade educativa.
Destaco só un dato, consecuencia directa da barbaridade do decreto: hai máis material audio-visual en inglés que en galego.