Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 31 de xullo de 2017

Ribadeo indiano

comunicado de ProLingua:

Soubemos pola prensa nesta nosa asociación que os grupos municipais do PSOE e do PP censuraron que se usase o idioma galego nos actos do Ribadeo Indiano. Segundo recolle La Voz de Galicia, unha representante política do PSOE cualificou de “falta de delicadeza” que o Alcalde de Ribadeo utilizase o noso idioma perante do embaixador de Arxentina, que asistiu aos actos.
Cústanos entender a estas alturas que alguén critique que os cargos públicos galegos utilicen con toda normalidade e sen complexos a lingua propia do país, o noso principal elemento de identidade, como sinalamos no noso manifesto.
En ProLingua somos conscientes de que cómpre traducir para que se entenda o que expresemos, por iso nos preocupamos de verter o noso manifesto desde o albanés ao xaponés, pasando polo asturiano, catalán, inglés, esperanto, occitano e romanés, e así ata 35 linguas diferentes.
Non obstante, é para nós evidente que os idiomas respectivos deben ser empregados con toda normalidade dentro dos espazos onde naceron, e máis aínda polos cargos públicos, tal como fixo o señor Alcalde de Ribadeo nos actos aos que estamos a nos referir.
Trasladámoslle os nosos parabéns, pois tamén sabemos neste país das presións de persoas e grupos que actúan, ao noso xuízo, movidos por prexuízos que consideran que a nosa lingua non é a axeitada en segundo que circunstancias, o que é o mesmo que considerala como un idioma de segunda categoría.

Ningún comentario:

Publicar un comentario