Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 23 de outubro de 2017

El català, una llengua de màrqueting. E o galego?



Velaquí un vídeo da campaña Enmarca't, do departamento de Llengua catalana da Generalitat: para fidelizar, empatizar e vender máis recoméndalle ás empresas non esquecerse do catalán.
En Galicia nunca vimos un vídeo destas características a pesar de que con toda a pompa propia dos Consellos do Goberno Galego, se aprobara no 2016 o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico cun orzamento previsto anual dun millón de euros, durante 5 anos. Claro que ese Consello foi o 4 de agosto, en pleno verán.En concreto, neste plan establecíase que os seguintes proxectos se habían de desenvolver durante os anos 2016 e 2017:

1. “Portelo único para o galego”. Creación dun punto único de atención á empresa en temas de lingua.
2. “Galego e internet para mellorar a hostalería”. Actividades da Redede Dinamización Lingüística que apoien o uso do galego no sector da hostalería a través das TIC: internet, redes sociais, xeolocalización etc.
3. “O galego, un compromiso conxunto”. Activación da coordinación e a cooperación entre os órganos e as entidades dependentes da Xunta para aumentar a eficacia das actividades desenvolvidas e para unha maior proxección do discurso a prol do uso do galego na empresa.
4. “Construíndo en galego”. Actuacións de dinamización do idioma galego no sector da construción e das actividades inmobiliarias.
5.“Melloramos co galego”. Elaboración e difusión dun decálogo de vantaxes a prol do galego na empresa.
6. “O galego tamén é unha responsabilidade social”. Accións de dinamización das actividades a prol do galego no marco da responsabilidade social empresarial (RSE).
7. “A difusión, en galego”. Accións de difusión e campañas destinadas ao ámbito económico.
8. “Colaboramos para facer máis”. Accións de colaboración para aumentar a participación e a implicación.

Pois ben. De todo isto que é o que se levou a cabo? Só unha cousa: a convocatoria da XXIV edición dos Premios á galeguidade empresarial, que polo seu título, ben se ve que non é  ningunha novidade (foron creados en 1993). Ademais non ten nada que ver co portelo único, nin é específico da hostalería nin do sector inmobiliario; tampouco é un decálogo nin ten que ver con entidades da Xunta. Estes premios só tanxencialmente teñen algo de relación cos dous últimos puntos... e isto é todo. Resumindo, o  Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico leva o mesmo camiño que Rede de Dinamización Lingüística que nunca deixou de ser un papel mollado do que nunca se sacou outra cousa que a relegación da lingua galego ao mundo dos monicreques.

Ningún comentario:

Publicar un comentario