Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 21 de decembro de 2017

O noso idioma e a infancia

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

Fai poucos días que fun mercar un xoguete para ofrecerlle a unha crianza amiga e flipei ao comprobar que todos aqueles xoguetes que tiñan voz e falaban, o facían en castelán e inglés. Mesmo a dependenta da tenda ficou sorprendida cando lle demandei algún exemplar que falase en galego. A señora manifestoume que non fabricaban xoguetes con voz en galego, e que era eu o primeiro en pedilo no noso idioma. O tema alarmoume, en dúas direccións: dous idiomas intrusos a ser difundidos nun territorio que goza dun idioma propio no que nos identificamos a maioría dos galegos -pese ás sufridas deficiencias e atrancos que se lle impoñen-. Trátase dunha imposición en todo regra comezando polos fabricantes, talvez estes non teñan toda a culpa, e si aquelas institucións que teñen a obriga de fomentar e regulamentar o ensino en galego e o xoguete sonoro no noso idioma. Isto non deixa de ser un elemento fundamental, tanto pedagóxico como didáctico que debe responder ás relacións familiares como ás do ensino: instalando as nenas e nenos galegos da nosa comunidade na nosa fala orixinal. Neste caso, a nena en cuestión e a súa familia son falantes en galego, e non puiden cumprimentala cun agasallo das características desexadas.

Esta carencia é outra das fases irreprimíbeis do colonialismo operante e imperante no noso país. Colonizar a infancia é un delito pola inmoralidade e pericia con que se sostén, dunha maneira opaca e silenciosa. Neste sentido, cabe plantarse ante un modelo negativo que ignora o noso idioma e posiciona os nosos infantes noutra realidade idiomática que non é a que falan as súas familias e de moitos profesores que falan galego a seus alumnos. Este tipo de contradicións nas que se encontran nenas e nenos do noso país, sometidos e orientados nesa diglosia, que psicoloxicamente comezan a diferenciar que a lingua que falan no seu entorno está en inferioridade coa lingua foránea que se lle dá mais prestixio e ten mais relacións en institucións e estamentos sociais e administrativos: políticos, xudiciais, eclesiásticos, que empregan o castelán. Por tanto estamos nunha situación límite, nesa oferta de contradicións, que a propia infancia ten que soportar, e os que “administran” o ensino non fan nada sobre os brinquedos sonoros no idioma galego; nin xestionan convenios con fabricantes para concretar variados modelos de xoguetes que respondan ao contexto identitario galego.
Neste aspecto temos a obriga de protestar enerxicamente co fin de normalizarnos para conseguir logros nesta dirección. Como fai bastantes anos o fixo Cataluña, tomando como modelo pedagóxico a inclusión do seu idioma en xoguetes sonoros e na recuperación de brinquedos e xogos autóctonos, baixo o lema: “Primer les nostres joguines, després els que ens interessin pedagògicament”. Unha segunda consideración lévanos a ese abismo que hai entre dous contextos ben diferenciados, entre a sociedade galega e a catalá. Estamos ante unha enorme convulsión de retrocesos orixinados por esa uniformidade que se programa desde o propio Estado. Pero tamén estamos ante unha sociedade que non se involucra en tomar conciencia das pequenas cousas, como pode ser a demanda dun brinquedo que teña voz en galego: a linguaxe dos seus pais e do circuíto en que falan galego. Elemental: se non hai unha toma de conciencia, sobre este aspecto, non se pode manter unha firme esixencia.

A nosa literatura infantil e xuvenil ten crecido dunha maneira espectacular, e é aquí onde reside o contacto e a conexión inicial de potenciar o que se fala e no que se pensa, en galego. Residir na fala e constatala -como testemuña e confirmación existencial dunha cultura e dunha realidade diferencial e nacional, como é a galega- comeza por instalar os nosos nenos nesa aprendizaxe de ler literatura infantil en galego. Isto non deixa de ser un enorme investimento en potenciar nos nenos a autenticidade dunha Galiza de noso. O mesmo acontece cos brinquedos sonoros de manter a voz na nosa propia linguaxe na que estamos ubicados. Polo contrario debemos negarnos a aceptar as linguas que nos colonizan. Mais por enriba de todo está a liberdade e a vontade persoal de cada un. Mais non debemos negar as evidencias e nunca as carencias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario